Rouban 3.800 euros dun bar do centro histórico tras romper a porta coa tapa dun sumidoiro

Pontevedra
07 de novembro 2019

Un dos autores do roubo, segundo informou a Policía Nacional, atópase xa en prisión desde o pasado 17 de outubro; mentres que o segundo, un home de 37 anos natural da Coruña, foi detido na tarde do mércores

Policía Nacional no centro histórico de Pontevedra
Policía Nacional no centro histórico de Pontevedra PontevedraViva

Dúas persoas foron identificadas como os autores do roubo dun sobre con 3.800 euros que estaba no interior dun bar de Pontevedra, ao que accederon tras romper o cristal da porta coa tapa dun sumidoiro.

Un dos autores do roubo, segundo informou a Policía Nacional, atópase xa en prisión desde o pasado 17 de outubro; mentres que o segundo, un home de 37 anos natural da Coruña, foi detido na tarde de onte mércores.

A ambos se lles investiga como presuntos autores dun roubo con forza en establecemento.

Os feitos producíronse na madrugada do pasado 15 de outubro e os axentes, tras ser alertados por unha chamada ao 091, acudiron ao bar, situado no centro histórico de Pontevedra, e descubriron que a porta de acceso estaba fracturada.

No chan había unha tapa de sumidoiro coa que os autores do roubo lograron romper o cristal e entrar no interior do bar.

A caixa rexistradora do local estaba forzada e o propietario do bar denunciou que lle faltaba un sobre con 3.800 euros.

A investigación policial permitiu a identificación destas dúas persoas e o que non estaba en prisión foi posto a disposición xudicial tras ser localizado nas inmediacións da praza da Ferrería.