Rosario Álvarez e a Esdemga reciben con orgullo o Premio Cidade de Pontevedra

Pontevedra
20 de xaneiro 2020

A presidenta do Consello da Cultura Galega e Lola Dopico, directora da Esdemga, recibían no pleno de honra con motivo da festividade de San Sebastián estes galardóns que se conceden á persoa física e xurídica que realizaron unha actividade de promoción de Pontevedra

Entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2019 Cristina Saiz

"Deberiamos crer máis en nós mesmos", afirmou no seu discurso Lola Dopico, directora da Escola e do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga) ao facer referencia ao proxecto que Zara comezou a editar en escolas de Tokyo, Londres ou Milán e que agora tamén contempla ao centro de estudos pertencente ao campus pontevedrés. 

Tanto Lola Dopico como Rosario Álvarez amosáronse orgullosas e ilusionadas na entrega dos Premios Cidade de Pontevedra, durante a a sesión de honra que se desenvolvía este luns con motivo da celebración de San Sebastián no Teatro Principal.

Rosario Álvarez, premiada na categoría de persoa física, agradeceu á súa familia, en especial á tribo dos Blanco, e a súa familia máis próxima e aos amigos o apoio para ir medrando afectivamente en Pontevedra, entre as que destacaba ás compañeiras de instituto coas que mantén contacto cando menos unha vez ao ano. A presidenta do Consello da Cultura Galega lembrou cando ía á escola na Ferrería e despois ao Instituto de Pontevedra. 

Álvarez indicou que no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 2003 xa sinalaba que o seu inicio estivo en Pontevedra e lembrou á profesora Berta, a María Victoria, a Marcelino ou a Xesús e á Boa Vila, onde fixo referencia a paisaxes urbanas como a praza do Pan, San Bartolomeu ou a Ferrería. 

Lembrou tamén que naceu e se criou na Fonte dos Tornos, que definiu como un microcosmos veciñal de artesáns e comerciantes. E continuou explicando que medrou en Pontevedra cando aínda se contaban historias e lendas de vellos mariños e de fuxidos polo monte. E da boa vila, sinalaba no seu discurso, nace o seu amor pola cultura popular e pola lingua da xente e o seu interese polo patrimonio inmaterial. Tamén fixo referencia a Frei Martín Sarmiento e Juan Manuel Pintos que provocaron o seu orgullo de sentirse pontevedresa.

Pola súa banda, Lola Dopico, como directora da Esdemga, premio á persoa xurídica, reafirmouse en que este premio valora o esforzo que se levou a cabo para poñer a titulación en marcha e de maneira colectiva. E destacou os numerosos recoñecementos que foron chegando como o Premio Talent&co., que recoñecía á Esdemga como a mellor escola de deseño de moda en España.

Destacou tamén o profesorado e o alumnado da escola a quen definiu como xente nova de extraordinaria valía, creativa, traballadora e que permitiron poñer en marcha o desfile Debut no ano 2007. E salientou que o alumnado leva o nome de Pontevedra por diferentes zonas do planeta. Agradeceu tamén ao Concello de Pontevedra polo compromiso e apoio ofrecido aos diferentes proxectos da Esdemga.

Por último, apuntou que desde o Máster continuarán a facer esforzos para seguir a merecer este premio Cidade de Pontevedra e "do maior dos premios que é formar parte de esta marabillosa Cidade".

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores no seu discurso explicou que para evolucionar como individuos e como sociedade precísase de persoas que estean dispostas a darlle a volta a todo e que saiban aproveitar a nosa historia, a escencia da cultura e as tradicións para actualizalas e dar solución a novas demandas. Fixo tamén mención a José Portela Leirós, ex decano do Colexio de Procuradores de Pontevedra, e a Fundación Amigos de Galiza; que resultaron candidatos este ano a estes premios. 

No patio de butacas seguindo o acto atopábanse, entre outras personalidades, a académica Fina Casalderrey; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o director do Museo Xosé Manuel Rey. O evento rematou coa interpretación a cargo do grupo folclórico Os de Algures do himno galego. A continuación, tanto integrantes da corporación como familiares e amizades fixéronse fotos coas premiadas.