Roman Gubern ofrecerá a súa visión sobre a sexualidade na Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
06 de marzo 2015

A edición deste ano vai desenvolverse entre o 6 e o 10 de abril no Teatro Principal e contará coa participación do escritor e historiador de medios de comunicación, Román Gubern, na lectura da Lección de Clausura

Presentación da XXXII Semana Galega de Filosofía PontevedraViva

O escritor e historiador de medios de comunicación, Román Gubern, será un dos principais atractivos da XXXII Semana Galega de Filosofía que se desenvolverá no Teatro Principal dende o 6 ao 10 de abril. Nesta ocasión, a temática que servirá como eixe central das charlas será a sexualidade.

Ana Regueira, coordinadora da Aula Castelao de Filosofía, acompañada por Montse Bragado, Eva Mariño e Xoán Carlos Garrido, avanzaron o programa da edición deste ano sinalando que, durante as xornadas, se realizará unha reflexión sobre as dinámicas políticas e económicas relacionadas co sexo e sobre a presenza de mercados de pornografía, prostitución na sociedade galega. Tamén se tratará a influencia que o sexo ten en ámbitos de traballo ou como inflúe na eiva da violencia de xénero.

As sesións, un ano máis, dividiranse en tres partes. As matinais discorrerán entre as 10:30 e as 13:30 horas con reflexións filosóficas sobre este tema e a presenza de profesores como Efigenio Amezúa, José Antonio Nieto, Belén Castellanos, Elvira Burgos ou a psicanalista Araceli Fuentes. Durante as tardes farase unha análise da sexualidade vista dende Galicia coa participación de Xosé Luis Garrosa, Laura Bugalho, José López Riopedre, Ofelia Rey e María Victoria Carrera. As conferencias durante as noites correrán a cargo de Dolores Xuliano, Javier Peteiro, Joserra Landarroitajauregi e Manuel Cochole.