O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este sábado o novo campo de fútbol de Romai, no municipio de Portas, tras un investimento de 286.558 euros, dos que a Deputación achegou 277.647 euros con cargo ao Plan Concellos 2022-2023.
O proxecto consistiu na transformación do antigo campo de terra en desuso nun moderno campo de céspede artificial. Para iso, foi necesario nivelar o terreo e instalar o céspede artificial e os sistemas de rego e drenaxe correspondentes. A actuación completouse coa colocación de tres xogos de porterías (un de fútbol 11 e dous de fútbol 7), dous bancos para xogadores cubertos e redes de nylon detrás das porterías.
Esta nova infraestrutura, moderna e adaptada ás necesidades actuais, encaixa coas políticas impulsadas polo goberno provincial para fomentar a práctica deportiva en toda a provincia. Neste sentido, Luis López destacou na inauguración que "Pontevedra é a provincia do deporte".
O acto tivo lugar antes dun partido de fútbol de veteranos entre o Romai e o Albariño Veteranos de Cambados, no que tamén estivo presente o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.