Rolda nocturna de vixilancia na Illa de Tambo para evitar accións vandálicas

Poio
06 de agosto 2023

A Policía Local de Poio en colaboración cos gardacostas das Confrarías de pescadores de San Telmo de Pontevedra e Raxó de Poio realizaron unha visita para controlar os accesos a este espazo natural por parte de persoas sen autorización. Nesta intervención non detectaron infraccións, pero manterán a vixilancia en vindeiras xornadas

Rolda de control dos espazos da Illa de Tambo Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio en colaboración co servizo de gardacostas das Confrarías de pescadores de San Telmo de Pontevedra e de Raxó en Poio trasladábanse á Illa de Tambo durante a noite deste sábado.

Trátase de visitas sorpresa para exercer un operativo de vixilancia e protección de carácter xeral, segundo indican desde a Policía Local de Poio. 

Desta forma queren controlar o acceso a este espazo natural por parte de persoas sen autorización, principalmente en horario nocturno.

Durante o operativo, os axentes realizaron unha rolda de vixilancia polo interior do recinto da illa e comprobaron as dependencias dos edificios coa intención de previr e evitar dalgún acto delituoso ou infraccións nestes elementos arquitectónicos.

Nesta intervención de vixilancia, os axentes non detectaron infracción algunha.

En todo caso, a Policía Local de Poio indica que seguirá protexendo esta contorna privilexiada con visitas destas características en diferentes xornadas e horarios coa intención de evitar calquera incidencia que poida afectar á Illa de Tambo.