Ritmo frenético de obras en Sanxenxo na recta final do ano

Sanxenxo
27 de decembro 2023

Obras de mellora do pavillón de Vilalonga, o soterramento dun tramo da avenida de Madrid, o novo mercado, o bulevar de Portonovo e a Praza do Pazo. Todas estas obras coinciden actualmente no tempo en Sanxenxo, que nesta recta final do ano vive un ritmo frenético de obras que dan un paso máis na humanización do municipio

Obras no mercado de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Obras de mellora do pavillón de Vilalonga, o soterramento dun tramo da avenida de Madrid, o novo mercado, o bulevar de Portonovo e a Praza do Pazo. Todas estas obras coinciden actualmente no tempo en Sanxenxo, que nesta recta final do ano vive un ritmo frenético de obras que dan un paso máis na humanización do municipio.

A esas obras en execución súmase a xa terminada de mellora do pavillón de Baltar e a rampla axardinada que conecta as prazas de Os Barcos e do Mar, no porto de Sanxenxo. 

Tamén no rural vívese esta intensa actividade. Así, está a traballarse no campo de fútbol de Dorrón, a mellora da depuradora de Paxariñas e o resto das actuacións do convenio de Acuaes, os traballos previos á ampliación da rede de saneamento e auga do rural e a renovación e asfaltado da estrada da Arnosa.

Esta última obra leva algo de atraso respecto o plan inicial porque, finalmente, inclúe, grazas a unha cesión veciñal, unha senda peonil co mesmo ancho ao longo de todo o vial chegando á zona máis urbana.

Esta actividade intensa continuará en 2024. Nas primeiras semanas do novo ano o goberno ten previsto empezar e licitar novas actuacións, entre elas, a reforma do Pazo Emilia Pardo Bazán, unha obra que xa está adxudicada e que se financia principalmente con fondos europeos (1,9 millóns de euros).

Ademais, prepara a licitación doutras cinco actuacións: o equipamento do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas no Pazo de Quintáns, as melloras e novos equipamentos na leira exterior do Pazo, a primeira fase do roteiro de sendeirismo do litoral da ría de Arousa entre o límite con Meaño e a fábrica de Campo, a mellora da Telleira e a reforma do antigo colexio O Cruceiro de Vilalonga que acollerá un centro de maiores, unha nova biblioteca e a escola de turismo e hostalería.