Risoto con mexillóns gourmet Pescamar

Pontevedra
21 de marzo 2020

Unha receita que nos trae os aromas da cociña italiana e coa que aproveitaremos todos os beneficios do mexillón, un molusco altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3

Risoto de mexillóns puamelia en Flickr

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os aromas da cociña italiana e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos moluscos máis importantes das nosas Rías: o mexillón.

Os Mexillóns Pescamar son un produto natural altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas en dietas saudables e de control de peso.

Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, lémbranos que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo" e explica todas as peculiaridades deste delicioso prato de arroz. "O risoto (variación de riso, arroz en italiano) é a maneira máis habitual de cociñar o arroz en Italia: o resultado é unha textura melosa, cremosa, pero non caldosa, branda no exterior pero firme no seu interior. Para preparar adecuadamente un risoto italiano, o arroz é preferible que sexa redondo e de gran curto, nunca de gran longo e moito menos un arroz evaporado. É ideal a variedade xapónica."

Para preparar un saboroso Risoto con mexillóns gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas demexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar

- 50 g. de manteiga

- 1 culleradiña de aceite de oliva

- 1 cebola finamente picada

- 1 dente de allo picado

- 1 culleradiña de follas de tomiño fresco

- 175 g. de arroz

- 600 ml. de caldo de peixe

- 150 ml. de viño espumoso

- 1 culleradiña de grans de pementa verde ou rosa en salmoira, escorridos e picados

- 1 cullerada de perexil fresco picado

Elaboración:

Nunha tixola grande, quentamos a metade da manteiga e o aceite, agregamos as cebolas picadas e refogamos ata que se abranden.

Incorporamos o perexil, o tomiño e o arroz e removemos ata que estea todo ben mesturado.

Vertemos o caldo quente aos poucos na tixola mesturándoo ben co arroz e deixándoo cocer ata que se absorba todo o caldo.

Picamos os mexillóns gourmet Pescamar e engadímolos ao arroz, así como o viño. Revolvemos suavemente e deixamos que coza ata que se absorba todo o viño. Agregamos os grans de pementa co resto da manteiga e mesturamos todo moi ben.

Deixamos repousar durante uns minutos e servimos inmediatamente.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.