A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra continúa co seu programa ‘A Vida é Movernos’, co obxectivo de xerar hábitos saudables na cidadanía para que pouco a pouco retome ou se inicie na actividade física que a pandemia puido frear.
As propostas para final deste de agosto están centradas na saúde mental. O concelleiro Tino Fernández manifestaba que "non nos podemos esquecer da afectación do estado psicolóxico e anímico da pandemia", como pode ser aumento de casos de crise de ansiedade ou estados de tristeza mantidos no tempo.
As dúas actividades programadas son un taller de Risoterapia e outro titulado Vivir sen Ansiedade.
RISOTERAPIA
A Risoterapia desenvolverase en dúas sesións os días 21 e 22 de agosto nos xardíns da Illa das Esculturas ao carón da casa de pedra sen ventás do artista José Pedro Croft en horario de 11:30 a 13:00 horas.
As persoas interesadas pódense inscribir no correo electrónico risotadas.risoterapia@gmail.com. A actividade é gratuíta e está aberta a persoas maiores de idade cun máximo de 14 participantes por sesión.
A monitora Mar García explicaba que non se trata de rir sen máis, senón que cada clase está estruturada a partir dun quecemento inicial para desbloquear aos asistentes e que se abran a participar ata acadar eses momentos de risa que permiten liberar tensións e levantar o ánimo.
VIVIR SEN ANSIEDADE
Vivir sen ansiedade, pola súa banda, vaise desenvolver no ximnasio do Pavillón Municipal dos Deportes os días 24, 26 e 31 de agosto en horario de 10:00 a 11:30 horas.
A actividade tamén é de balde, destinada a maiores de idade e cun máximo de 12 participantes. As inscricións están abertas no teléfono 630 231 732.
Para favorecer o aproveitamento deste traballo, que incide na relaxación mental a través do movemento e a respiración, a monitora Lucía Santomé, certificada no método LK-Movimiento Inteligente, ofrecerá aos participantes unha serie de recursos para continuar co traballo na casa.
Para obter máis información desta metodoloxía, pódese visitar a web www.luciasantome.com