Rifa política á conta do canon de Sogama mentres os partidos chegan a acordo para a ordenanza que sanciona cuspir na rúa

Pontevedra
23 de setembro 2024

O Pleno da Corporación municipal de Pontevedra deu lugar este luns a unha situación pouco habitual nos últimos anos, un acordo de todos os partidos políticos para a nova ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal. O texto foi consensuado previamente por BNG, PP e PSOE

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal Mónica Patxot

O Pleno da Corporación municipal de Pontevedra deu lugar este luns a unha situación pouco habitual nos últimos anos, un acordo de todos os partidos políticos para a nova ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal.

O texto foi consensuado previamente por BNG, PP e PSOE e aprobouse na sesión cos votos do PSOE e o BNG e a abstención do PP.

Supón aprobar un texto "pioneiro" que non existe noutras cidades e que vai implicar a posibilidade de multar aos cidadáns con ata 3.000 euros.

Así, poden sancionarse condutas como non separar de xeito correcto o cartón, o vidro, os envases ou os residuos orgánicos ou deixar os residuos nun contedor distinto ao determinado. Cuspir ou facer as necesidades fisiolóxicas na vía pública ou deixar lixo fóra dun contedor cheo tamén serán obxecto de sanción.

Este acordo de todas as forzas na xestión de residuos non evitou que a xestión do lixo na cidade fora protagonista dunha rifa política.

Mentres o concelleiro do BNG César Mosquera destacou que se trata dunha ordenanza "sumamente importante e difícil" e "abre camiño" para outros municipios, o edil do PSOE Manuel Fariña lembroulle ao Goberno local que "esta ordenanza non terá sentido ningún se non temos un novo contrato de xestión de residuos".

Nesta mesma liña, o edil do PP Iago Acuña afeou que "lamentablemente sen un novo contrato de lixo, non sería posible" e que esta ordenanza puido facerse en dez meses co consenso de todos os grupos mentres que o contrato do lixo "leva demasiadas prórrogas e demostra día a día que é insuficiente". 

Acuña insistiu en que "Pontevedra é unha cidade sucia" e Mosquera criticou ao PP a súa postura sobre o novo contrato pola súa "terxiversación maiúscula". Lembrou que non é ilegal porque hai opcións de prórroga durante 50 anos e que o contrato non saíu adiante porque o sacaron a licitación e non se presentou ningunha empresa, de maneira que hai que reformulalo. Insistiu nas "dificultades de ser pioneiros e de abrir camiño". 

Esta discrepancia sobre a ordenanza subiu de ton á hora de abordar dúas mocións do PP e do PSOE sobre  o canon que o Concello paga a Sogama.

O voceiro do PP, Rafa Domínguez, responsabilizou ao PSOE e ao BNG da subida e pide coa súa moción que non se traslade ese incremento ao recibo que paga a poboación. "É o propio PSOE o que xera o problema, pois é o Goberno central o que sobe os impostos e logo, desde Pontevedra, pídelle a Xunta que o solucione", dixo sobre os socialistas, asegurando que o Executivo de Pedro Sánchez non tería que subir os impostos a pesar de ser por cumprir unha normativa europea porque outros países non o fan.

Aos nacionalistas afeoulles que a adhesión a Sogama non é obrigatoria e reprochou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que o Concello leve dez anos pagando polo aluguer dos terreos na Canicouva para "facer unha mini Sogama alí" e non se fixera nada nin se vai facer. 

Fronte aos gobernos central e local, Dominguez presumiu de que "a Xunta cumpre" e vai asumir o 60% da suba.

O voceiro do PSOE, Iván Puentes, cualificou a intervención de Domínguez de "Trumpista" (en alusión ao candidato a presidente dos Estados Unidos e ex presidente, Donald Trump) e de "mentira" e insistiu en que é Sogama, organismo dependente da Xunta, a que sobe o canon, non o Goberno central, e o que se recada vai para o Goberno galego. 

Ademais de criticar a política de xestión de residuos da Xunta, que "basean en queimar", asegurou que os únicos países de Europa que non cobran o imposto citado son os do Leste, recomendou a Domínguez que "se lle queren botar a culpa a alguén, que busque na súa propia casa", pois a norma europea aprobouse cunha líder do PP europeo ao mando, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. 

O concelleiro do BNG César Mosquera tamén lembrou a Domínguez que a norma comunitaria negociouse por unanimidade no Consello de Europa nun momento no que España estaba representada polo PP de Mariano Rajoy e tamén insistiu en que hai seis anos que se sabía que chegaría este imposto, pero "parece que os únicos que non o sabían eran a Xunta e Sogama". 

Mosquera tamén quixo afear ao PP que agora presuma de subvencionar esa subida, cando son eles os que van cobrar os cartos. "A Xunta vai dedicar o que cobra polo canon a subvencionalo"

Rafa Domínguez acusou a BNG e PSOE de "hipocresía" porque "un sobe os impostos e o outro non é capaz de facer unha planta propia" e logo culpan á Xunta e a resposta non se deixou esperar por parte de Iván Puentes, que o acusou de "non entender nada do que se lle dixo" e de César Mosquera, que lle recriminou que este tema "preparouno moi pouquiño". 

A moción do PP non se aprobou porque votaron en contra o BNG e o PSOE e a socialista si, cos votos a favor deste grupo e dos nacionalistas e o voto en contra dos 'populares'.