As Rías Baixas lideran a chegada de turistas a Galicia en setembro

Pontevedra
27 de outubro 2024

As Rías Baixas lideran o ránking de destinos turísticos galegos durante o mes de setembro coa presenza de 222.228 visitantes, maioritariamente procedentes doutros puntos de España

Peregrinas realizando unha visita turística nas Rías Baixas
Peregrinas realizando unha visita turística nas Rías Baixas Cristina Saiz

A provincia de Pontevedra continúa a súa tendencia alcista no sector turístico, segundo confirman os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística analizados pola Deputación de Pontevedra.

O destino Rías Baixas non só medrou un 16% en setembro de 2024 respecto ao mesmo mes do ano anterior, senón que se situou como líder do ránking de destinos turísticos galegos, por diante da Costa da Morte, a Mariña Lucense e as Rías Altas.

A provincia rexistrou 222.228 visitantes en setembro, o que representa o 35% do turismo total en Galicia.

Do total de viaxeiros, un 59% foron turistas nacionais, mentres que un 41% das visitas procederon do estranxeiro, destacando visitantes de Alemaña, Estados Unidos e Portugal

Especialmente significativo é o incremento do turismo internacional, que medrou case un 30% respecto a setembro de 2023.

A ocupación hoteleira media aumentou un 3%, cunha estancia media de 2,1 días por visitante.

Aínda que os datos oficiais de outubro non estarán dispoñibles ata finais de novembro, os rexistros provisionais mostran unha tendencia positiva.

Así, o Palacete das Mendoza en outubro recibiu preto de mil visitantes, dos que o 60% eran nacionais, principalmente de Madrid, Barcelona e Valencia.

40% das visitas foron internacionais, destacando as procedencias de Alemaña, Francia e Estados Unidos.

Os castelos de Soutomaior e Sobroso sumaron 1.338 visitas

Pola súa banda, as rutas de peregrinación que atravesan a provincia rexistraron 16.615 peregrinos, distribuídos principalmente entre o Camiño Portugués, que foi a ruta máis elixida; e polo Camiño Portugués pola Costa, seguidos polo Camiño de Inverno e pola Vía da Prata.