Rexistro e Padrón volven a vindeira semana ao edificio do Concello en Michelena 30

Pontevedra
18 de agosto 2020

O venres 21 estes servizos pecharán o servizo de atención ao público ás 13.00 horas que se estaba a prestar na Casa da Luz para iniciar o traslado as dependencias da Michelena, que foron adaptadas ás medidas sanitarias. Mantense o sistema de cita previa

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena Mónica Patxot

A partir do luns 24 de agosto ás 08.30 horas, os servizos de Rexistro, Padrón de habitantes e de Información xeral do Concello de Pontevedra regresarán ao edificio de Michelena 30 para ofrecer servizo ao público na planta baixa.

O venres 21, ás 13.00 horas, estes departamentos pecharán as súas instalacións na Casa da Luz onde operaron desde o 25 de maio e comezarán o traslado.

Continuará o sistema de cita previa establecido desde o estado de alarma. As citas poden solicitarse a través do teléfono ou utilizando a Sede electrónica da web do  Concello.

En Michelena 30 créanse 12 postos de traballo de atención ao público, no que se teñen en conta as distancias de seguridade sanitaria, cun sistema de circulación adecuado para facilitar a atención e as medidas de prevención.

Ábrense dúas entradas, unha para os servizos de Rexistro, Información Xeral e Padrón; e outra, con control de acceso para o resto de dependencias municipais.

Desde o 11 de agosto, tanto os certificados como os volantes de empadroamento pódense descargar desde a Sede electrónica. Este trámite é gratuíto pero precísase dunha identificación electrónica que permita o acceso ao sistema cl@ve, como ou certificado electrónico, DNIe, cl@ve  pin ou cl@ve permanente. Tamén se pode acceder a través do usuario e contrasinal expedido polo  Concello nas instalacións de Michelena 30. Para solicitar este trámite tamén é precisa a cita previa.