Rexeitamento municipal a que Pontevedra retire o recurso contra a prórroga de ENCE nos tribunais

Pontevedra
01 de abril 2019

Esperábase un pleno axitado. Todos os partidos supoñían que os traballadores de Ence e as súas empresas auxiliares, do mesmo xeito que o pasado venres na  Deputación, acudirían ao Teatro Principal. E máis cando se debatía unha moción sobre a situación da pasteira. Pero ao final non foi así e a sesión plenaria, a última deste mandato, discorreu sen sobresaltos

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

Esperábase un pleno axitado. Todos os partidos supoñían que os traballadores de Ence e as súas empresas auxiliares, do mesmo xeito que o pasado venres na Deputación, acudirían ao Teatro Principal. E máis cando se debatía unha moción sobre a situación da pasteira. Pero ao final non foi así e a sesión plenaria, a última deste mandato, discorreu sen sobresaltos.

A corporación municipal, cos votos de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, rexeitou a proposta impulsada polo PP, apoiada por Cidadáns, para que o Concello retirase o recurso presentado ante a Audiencia Nacional pola prórroga concedida a Ence e que defendese os postos de traballo da compañía en Pontevedra.

O portavoz popular, Rafa Domínguez, lamentou a "irresponsabilidad" do alcalde por poñer "en peligro" a situación económica da cidade e ás 800 familias que, segundo reiterou, viven de Ence e quedan "sin futuro". Tras vinte anos no goberno, engadiu, Lores "quiere irse dejando a Pontevedra en la desolación económica".

Para iso, asegurou Domínguez, Lores tivo a "ayuda" dun presidente "que odia a Galicia", ao acusar a Pedro Sánchez de manobrar para pechar a fábrica pontevedresa. O líder popular pediu, sen éxito, un "gesto" ao alcalde, ao entender que a retirada do recurso sería unha mensaxe "potente" para "evitar el sufrimiento" dos traballadores.

O seu único apoio, aínda que con reservas, foi Cidadáns. María Rey ve "obligada" a defensa dos postos de traballo e apuntou que o "enemigo" é quen permite que a costa "esté así" e non unha empresa que crea emprego. Iso si, pide deixar actuar á xustiza "sin injerencias de ningún tipo" e que, sexa cal for o resultado, "alguien tendrá que dar explicaciones".

As críticas comezaron con Luís Rei. O portavoz de Marea censurou que coa prórroga o Goberno de Rajoy dese a Ence uns 3.000 millóns de euros "de cló cló" e negou que o cambio de emprazamento da pasteira sexa imposible, xa que Bilbao logrou trasladar toda a súa industria pesada. A empresa, dixo, non está disposta a "ceder nada" e aposta por unha "chantaxe intolerable".

Moito máis duro foi o socialista Iván Puentes, que acusou a Rafa Domínguez de responder os intereses da empresa e tratar de "reparar a cacicada de Rajoy". A única maneira, explicou, de protexer os postos de traballo de Ence é apostar de maneira decidida polo traslado dentro da comarca de Pontevedra.

Este traslado, hoxe en día, é "obrigatorio" segundo o edil socialista, que asegura que a pesar do que diga a empresa é "absolutamente viable e posible" porque o custo de facer unha fábrica nova é o mesmo "nun lado ou noutro" e, ademais, os eucaliptos que emprega a compañía para a súa produción "están en Galicia", polo que "teñen que estar cerca".

Politicamente, reiterou, "hai disposición a facelo", polo que desde o PSdeG-PSOE instaron a todos os implicados, administracións, traballadores e empresa, que aproveiten esta "oportunidade histórica" que pode ofrecer a xustiza.

Carme da Silva, pola súa banda, lamentou que o líder do PP estea "facendo méritos" para incorporarse ao consello de administración de Ence e censuroi que os populares só se preocupen dos postos de traballo da pasteira e de Elnosa. "Nós estamos coa sociedade de Pontevedra e nunca cambiamos de postura", sinalou.

A edil do BNG insistiu en que o goberno municipal seguirá utilizando todos os recursos ao seu alcance para "recuperar a ría" e iso implica "necesariamente" que Ence abandone a súa actuación localización "no mar". Ademais, ironizou con que se a prórroga outorgada por Rajoy é legal "non sei que medo lle teñen á xustiza".

SEN SOBRESALTOS NO RESTO DO PLENO

O resto da sesión plenaria transcorreu sen sobresaltos. A corporación aprobou por unanimidade a moción de Cidadáns para crear un órgano consultivo do deporte para fomentar a participación dos clubs da cidade, a proposta do PP para reformar a rúa Poza da Barcía ou a moción do PSdeG-PSOE para visibilizar a diversidade sexual.

Non correu a mesma sorte a petición do PP para rescindir o contrato da planta de compostaxe da Canicouva, onde segundo os populares "está a tirarse o diñeiro", xa que a abstención dos socialistas e o rexeitamento do BNG tombaron a iniciativa.

Marea tampouco sacou adiante a súa proposta para que a corporación se posicionara contra o proxecto de mellora da actual EDAR dos Praceres e que, segundo a concelleira Mari Carmen Moreira, abre a porta a que "se perpetúe" esta instalación e que se amplíe nun horizonte próximo.

Ningún partido apoiou esta medida. Os populares criticaron a "irresponsabilidade" de Marea ao opoñerse a esta mellora tecnolóxica, os socialistas defenderon a necesidade de que a EDAR se adecue á normativa ambiental e o BNG lembrou que a depuradora "funciona mal" e o proxecto só abarca os límites das instalacións actuais.