Rexeitamento frontal de Pontevedra a unha posible ampliación da EDAR: "Non hai xustificación técnica"

Pontevedra
03 de outubro 2019

Carme da Silva asegurou que o Concello "respecta e mantén" o acordo "unánime" da corporación municipal que, meses atrás, mostrou o seu rexeitamento a calquera ampliación da depuradora. "Ten capacidade suficiente, o que ten é que funcionar ben", reiterou

Instalacións da depuradora dos Praceres desde a avenida de Marín Nacho Fuentes

O goberno municipal de Pontevedra non dará nin un paso atrás na súa oposición a unha posible ampliación da depuradora de Os Praceres. A edil responsable do ciclo da auga, Carme da Silva, sinalou que "non hai ningún dato técnico que xustifique a ampliación".

Da Silva lembrou que a EDAR está deseñada para atender a unha área dunhas 200.000 persoas, polo que o Concello entende que a capacidade actual desta instalación " é máis que suficiente" para cubrir as necesidades "presentes e futuras" desta área xeográfica.

Ademais, a edil asegurou que o Concello "respecta e mantén" o acordo "unánime" da corporación municipal que, meses atrás, mostrou o seu rexeitamento a calquera ampliación da depuradora. "Ten capacidade suficiente, o que ten é que funcionar ben", reiterou.

A este respecto, Carme da Silva pediu á Xunta de Galicia "actuar con responsabilidade" e buscar unha solución que evite que as augas fecais "non paseen pola ría", o que pasaría porque Marín e Poio, como fixo Pontevedra "a un 97% da súa rede" separen as augas pluviais e fecais, instalando ademais aliviadoiros nos seus respectivos municipios.

O goberno galego, que convocou para este venres á mesa de seguimento do plan de saneamento da ría de Pontevedra, presentará novidades sobre este programa de actuación aos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa, ás confrarías da ría de Pontevedra, ao sector bateeiro e á plataforma veciñal.

Desde o Concello aseguran que irán a ese encontro "por cortesía", pero critican que a reunión non teña orde do día ou que a Xunta non remitise ningunha documentación previa "para que a estudáramos", entre eles o plan de saneamento da ría que, adxudicado en 2016, debería entregarse o pasado mes de xullo.

"Agardo que non sexa unha vez máis unha rolda de prensa electoral para presentarnos un debuxiño da man de ENCE ou para botarnos a culpa do problema", sinalou a concelleira nacionalista, que apuntou que o saneamento da ría "é algo moi serio" que, ao seu xuízo, non se está abordando coa importancia que merece.