Revenga: "Unha cidade só pode ser modelo se os seus habitantes teñen de que vivir"

Pontevedra
22 de setembro 2019

O concelleiro de Cidadáns en Pontevedra, Goyo Revenga critica a "absoluta indiferenza" do alcalde, Miguel Anxo Fernandez Lores cara á falta de oportunidades laborais na cidade

Goyo Revenga Mónica Patxot

O concelleiro de Cidadáns en Pontevedra, Goyo Revenga critica a "absoluta indiferenza" do alcalde, Miguel Anxo Fernandez Lores cara á falta de oportunidades laborais na cidade.

"Unha cidade só pode ser modelo se os seus habitantes teñen de que vivir. O señor Lores néganos a oportunidade de ter industria e dá palmaditas nas costas aos comerciantes abocados a pechar os seus negocios", afirmou o concelleiro de Cidadáns.

Goyo Revenga lamentou que "estamos dirixidos por un señor cuxa máxima para lograr o crecemento da cidade e apoiar ao comercio local é conseguir que a xente pasee máis". "A cidadanía xa pasea, señor Lores, pero para que compre no comercio local, ademais de pasear, necesita ter traballo", dixo.

En opinión do portavoz do grupo laranxa, "o modelo de cidade xa deu de si todo o que podía, pero agora hai que avanzar".

"Temos unha cidade agradable, bonita -Pontevedra sempre o foi- e cunha poboación amable pero que non crece. Levamos 8 anos estancados en 82.000 habitantes. Convertémonos nun fermoso dormitorio onde os mozos non poden conciliar o sono porque saben que, antes ou despois, terán que emigrar" censurou Revenga quen engadiu que o único que pide é "que o alcalde non negue oportunidades á poboación, tanto do centro como dos barrios e parroquias rurais".

Cidadáns considera que si é necesario atraer a novos emprendedores, favorecer a implantación de empresas no municipio, axudar ás que xa existen a prosperar, evitándolles trabas administrativas e económicas. Neste sentido, o concelleiro Revenga, asegurou que desde o Concello "pódense facer cousas para favorecer o emprego ou, polo menos -matizou o concelleiro- para non destruílo".