O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, informou ás traballadoras de Alfageme concentradas no Concello que o Igape convocou un Consello urxente e extraordinario para o xoves 18 de outubro, para tratar como punto único a resolución do recurso interposto pola familia Lago.
A noticia foille comunicada ao rexedor minutos antes por parte do secretario xeral da Consellería de Economía e Industria, a raíz das xestións levadas a cabo por Fole e pola tenente de alcalde, Marta Rodríguez, dende que as traballadoras decidiran pecharse no Concello en demanda dunha solución rápida e definitiva para garantir a supervivencia da empresa e o mantemento dos postos de traballo.
O alcalde informoulles ademais que o compromiso da Consellería unha vez resolto o recurso dos Lago é continuar de seguido co procedemento para adxudicar a planta de Alfageme ás empresas que se presentaron ao concurso.
Para iso está previsto que "de xeito inmediato" se proceda á apertura de plicas e, unha vez informadas polos técnicos todas as propostas, convocar a mesa de contratación para resolver o concurso mediante a adxudicación da conserveira.