Reunión no Museo para "adaptar o proxecto do convento á visión do novo goberno provincial"

Pontevedra
07 de novembro 2023

O vicepresidente da institución provincial mantivo no Edificio Fernández López unha xuntanza de traballo co equipo directivo e persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura da Deputación

Reunión de Rafa Domínguez co equipo directivo e persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, mantivo este martes unha reunión co equipo directivo e persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura da institución para "avanzar no novo proxecto para Santa Clara". 

Segundo a información trasladada pola Deputación, o obxectivo desta reunión foi "adaptar o proxecto do convento á visión do novo goberno provincial", poñendo en valor o recinto como "parte fundamental do Museo", e "salvagardando" os seus xardíns centenarios e avanzando para "converter Pontevedra nun referente cultural a nivel nacional e internacional".

Rafa Domínguez manifestou que "está claro que é necesario modificar algúns aspectos do proxecto que non se corresponden coa idea que entendemosque debe representar Santa Clara para o Museo". 

O vicepresidente cre que "o convento non pode ser un simple almacén de restos arqueolóxicos, non é o axeitado, hai outros lugares que poden servir para ese propósito" polo que "o noso obxectivo é abrir e incorporar Santa Clara a toda a cidade, adaptando o espazo sen danar uns xardíns que levan máis de 400 anos pechados", asegurou.

Deste xeito, xunto ao equipo do Museo e do servizo de Arquitectura, Rafa Domínguez, analizou as diferentes posibilidades a acometer para avanzar no proxecto de reforma do convento de Santa Clara.

SANTA CLARA CHEA DE PINGUEIRAS

Este martes o portavoz do BNG na Deputación e anterior vicepresidente provincial Césa Mosquera afeou o actual responsable do Museo Rafa Domínguez que non tivera preguntado nin a el nin ao persoal técnico pola urxencia de actuar en Santa Clara e acometer arranxos antes do grande proxecto de rehabilitación porque estaba entrando auga. 

"Ignorárono e hoxe está todo cheo de plásticos para tapar porque entra auga por todos lados. Había pingueiras que se intentaron resolver pero había que actuar na cuberta da igrexa e no campanario e nalgún punto máis con relativa celeridade. Estaba en marcha, pero parouse todo, por desgracia houbo os temporais que houbo e estamos así", dixo Mosquera.

En canto ao orzamento destinado a Santa Clara e Edificios Centrais do Museo, o nacionalista destacou que son dous máis dous millóns de euros, pero vanse perder os consignados en 2021.

Subliñou que espera que os anuncios de que se constinuar co proxecto de reforma "sigan adiante pese ao inicio de querer enredar cos proxectos".