Reunión no Concello de Marín para deseñar as actividades do Entroido

Marín
26 de xaneiro 2022

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Raquel López reuníronse con representantes do Ateneo Santa Cecilia, Os da Caña e Pousos da Area para coordinar a celebración do Entroido dun xeito alternativo ao habitual, para poder conmemorar estas datas cumprindo coas medidas sanitarias vixentes

Reunión no Concello de Marín cos colectivos relacionados co Entroido
Reunión no Concello de Marín cos colectivos relacionados co Entroido Concello de Marín

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Raquel López reuníronse este mércores no Concello de Marín con representantes do Ateneo Santa Cecilia, Os da Caña e Pousos da Area para coordinar a celebración do Entroido dun xeito alternativo ao habitual, para poder conmemorar estas datas cumprindo coas medidas vixentes en materia sanitaria.

Tal e como explicaron as edís, "queremos contar en todo momento cos colectivos que forman parte da organización do noso Entroido, apoiando o seu labor incluso nun ano coma este, no que moitas das cousas que se levaban a cabo non se poden organizar do mesmo xeito ca outros anos".

En concreto, non haberá nin desfiles nin Enterro da Sardiña. O Concello organizará unha festa infantil con animación a fin de semana grande do Entroido. As actividades desenvolveranse na Alameda, aínda que coa posibilidade de trasladalas ao Multiusos se a climatoloxía o esixe.

Para a organización desta festa, o Concello informa que se contratarán comparsas, batucadas e charangas de Marín para que se encarguen de realizar a animación nas rúas, a decoración de diferentes espazos e a organización de obradoiros para os cativos.

Por outra banda, Amigos dos Rapaces estudará adaptar a súa tradicional festa infantil, tras confirmar a suspensión da Festa do Merengue, xa que pola súa propia natureza veríase comprometida a seguridade e o uso da máscara.

Ademais, o Ateneo Santa Cecilia organizará unha exposición na zona acristalada do Multiusos e desde o Concello formuláronlle a posibilidade da realización dun concurso de orellas e filloas o martes de Entroido no Multiusos.

No que respecta ao Enterro da Sardiña, non haberá celebración e no seu lugar decoraranse as rúas con lonas nas que se verán imaxes doutros anos e o Palco de Música engalanarase o Mércores de Cinza para realizar o velorio.

Finalmente, o domingo día 6 de febreiro celebrarase a festa do Bolo do Pote e o Museo Torres acollerá unha exposición durante os días de festa sobre o Entroido tradicional galego.