O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mantiveron este xoves un encontro institucional no Pazo provincial no que trataron asuntos de interese mutuo para ambas as institucións.
Neste encontro Luis López informou do investimento de máis de medio millón de euros que o organismo provincial realizará este ano no municipio ao abeiro de plans como o +Provincia, que este año lle reporta ao Concello 35.000 euros máis que na anualidade anterior; ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
"Hai un esforzo importante en mellora de viarios municipais, alumeado público e ampliación do saneamento", resumiu o presidente López ao remate do encontro.
Ao abeiro do plan +Provincia, a Deputación destinará este ano un total de 495.000 euros ao Concello de Barro.
Con estes fondos levarase a cabo a mellora do alumeado público (26.130 euros), obras de pavimentación en Portela e Agudelo (11.200 euros), mellora de viarios en Mane, Triaba, Valiñas e Bretoña (172.000 euros) ou a ampliación da rede de saneamento en Valbón (50.000 euros).
Así mesmo, este programa achega tamén 41.000 euros en medidas de apoio ao gasto corrente que o Concello emprega para a prestación de servizos municipais (25.000 euros) ou na organización da Festa do Viño de Barro (22.000 euros). Do mesmo xeito, os 95.000 euros correspondentes a fomento do emprego que permitirán ao goberno local contratar a sete traballadores.
No tocante ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, unha achega 38.200 euros, permitirá facer realidade a substitución da cuberta do pavillón municipal.
López e Abraldes abordaron a situación do polígono industrial de Curro, da que ambos os dirixentes coincidiron ao destacar o bo momento que atravesa e a súa aposta por seguir traballando pola mellora dos servizos que se ofrecen neste recinto para que siga medrando.