Retiran un niño de velutina de grandes dimensións no recinto do colexio A Laxe

Marín
17 de setembro 2018

Desde xuño de 2016 houbo a través do 012 e o 112 un total de 789 avisos, 124 corresponden en 2016, 386 en 2017 e 293 este 2018 en Marín. Este luns só teñen constancia de que queda por atender un aviso na Escuela Naval Militar 

Actuacións do Concello de Marín contra a avespa velutina Concello de Marín

A asociación de voluntarios Depolgal de Marín retirou a pasada semana un niño de avespa velutina de grandes dimensións localizado nun ciprés nas instalacións do centro educativo da Laxe. 

Segundo informou o Concello, o conserxe do centro alertou da situación o pasado venres e dous voluntarios de Depolgal actuaron á noitiña para atopar o número máximo de avispas dentro do niño, que estaba xusto na copa da árbore.

Unha vez tomadas todas as precaucións, e tras un arduo traballo de precisión para introducir o material insecticida e larvicida, os voluntarios lograron aniquilar miles de avespas, que caían ao mesmo tempo que se ía destruíndo a enorme estrutura.

No niño había larvas en todos os seus estados de desenvolvemento biolóxico e o Concello calcula que ben poderían saír 500 raíñas, das cales moitas delas poderían, en ciclos posteriores, expandir e ampliar a un gran número de niños novos. 

O Concello deu a coñecer esta actuación este luns nun comunicado no que fai balance do día a día da loita contra as avespas asiáticas ou velutinas en Marín. Desde xuño de 2016 houbo a través do 012 e o 112 un total de 789 avisos, 124 corresponden en 2016, 386 en 2017 e 293 este 2018

Segundo os datos facilitados, 29 dos avisos de 2018 foron repetidos ou replicados e en 36 non procedía actuar, dado que non tiñan actividade ou era falsa alarma. O primeiro aviso deste ano foi o 28 de abril e nestes meses foron erradicados totalmente 217.

Este luns só teñen constancia de que queda por atender un aviso. Está nunha localización moi complexa, de modo que estanse preparando os medios para actuar. Suporá traballar no dique da Escola Naval e para chegar ao niño haberá que ir desde unha embarcación coa marea alta, pois está dentro dun tubo nun muro de contención alto. Un pescador deu o aviso á asociación Depolgal.

Arquivado en