Retiran máis de 400 quilos de residuos da praia da Lanzada en apenas catro horas de traballo

O Salnés
17 de outubro 2021

Entre todos os obxectos destacan especialmente as 1.241 cabichas atopadas e as 1.045 botellas e anacos de vidro

Limpieza de residuos na praia da Lanzada Afundación

O gran areal da Lanzada, no Concello do Grove, acolleu este sábado unha xornada de limpeza de residuos, onde voluntarios de Afundación, en colaboración co grupo naturalista Hábitat e SEO Birdlife, dedicaron os seus esforzos para retirar todo o lixo que atoparon ao seu paso.

Entre o lixo retirado había vidro, garrafas, botes e botellas de plástico, cabichas, restos de sedelas, cabos, cabitos e redes enmarañadas, boias e flotadores, envoltorios e outra serie de obxectos plásticos de diversos tamaños, non identificables en canto á súa orixe.

Foron un total de 412 quilos de residuos entre os que destaca as 1.241 cabichas atopadas e as 1.045 botellas e anacos de vidro, ademais de 39 quilos de plástico, 10 de metal, 2 de papel e 20 de obxectos diversos.

Coa deste sábado son xa dez as accións de limpeza que se levaron a cabo desde o arranque do programa Plancton a mediados do pasado mes de marzo, actuacións de voluntariado executadas tanto en superficie, como pode ser o caso das limpezas de praias e costas realizadas en diferentes enclaves da Illa de Arousa, Baldaio, Ons, Cortegada, Corrubedo ou Cambados, como baixo o propio nivel de mar, tal e como sucedeu por exemplo nos fondos do illote Areoso en senllas ocasións ou en Cambados, máis recentemente, onde tivo lugar a pasada semana unha limpeza de fondos marisqueiros na que se conseguiron retirar máis dunha tonelada e media de residuos.