Máis de 140 persoas voluntarias participaron este venres nunha dobre xornada de limpeza dos fondos marisqueiros da contorna da Illa da Toxa, no Grove e Cambados. En total retiraron un total de 3 toneladas e media de residuos entre os que se atopaban cordas, nasas, botellas e mesmo abundantes restos téxtiles.
Os grupos de traballo estiveron repartidos nas zonas de Correl e Insuíña e na Illa da Toxa. Alí retiráronse numerosos restos cerámicos, pequenos anacos de vidro e botellas, cordas, cabos, redes e nasas extraviadas, tapóns, botes e botellas, envoltorios e outros restos de obxectos plásticos, un zapato e abundantes restos téxtiles foron os obxectos máis destacados de entre o total de lixos retirados ao longo de toda a mañá. Todos eles sumaron máis de 3 toneladas e media.
Esta acción está enmarcada dentro da actividade 'PLANCTON' organizada pola Obra Social de ABANCA que consiste na retirada de residuos mariños. Trátase da cuarta realizada no que vai de ano e con ela supéranse as 25 toneladas de refugallos recollidos en colaboración cos Concellos do Grove e Cambados, que facilitaron o apoio loxístico na retirada dos residuos.
A gran maioría dos participantes nesta última convocatoria de limpeza foron mariscadoras da Confraría de San Martiño e voluntarias e voluntarios de ABANCA e Afundación. Acompañounos o alcalde de Cambados, Samuel Lago.