Retiran máis de 260 quilos de residuos das praias de Cortegada

O Salnés
13 de maio 2023

Durante a mañá deste sábado, un grupo de 60 persoas voluntarias de Actúa, o programa de voluntariado da Obra Social de ABANCA, participaron nunha nova actividade de retirada de residuos enmarcada no programa PLANCTON  

Retirada de residuos en Cortegada Afundación

Durante a mañá deste sábado, un grupo de 60 persoas voluntarias de Actúa, o programa de voluntariado da Obra Social de ABANCA, participaron nunha nova actividade de retirada de residuos enmarcada no programa PLANCTON.

Nesta ocasión, a limpeza realizouse en diferentes areais da illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Alí retiraron na súa maioría obxectos relacionados coa actividade marítima, como os habituais tarugos de plástico das bateas, boias e pequenos anacos de escumas sintéticas, así como restos de sedelas e cabos.

Tamén recolleron obxectos de uso cotián en terra firme, como os restos de envases e envoltorios plásticos de alimentos, snacks, lambetadas e caramelos, botes, botellas e tapóns, cabichas ou os bastoncillos de limpar os oídos, rodas, paraugas, xoguetes ou chisqueiros. En total 262 quilos, unha cifra que sumada ao acumulado no que vai de ano no marco deste proxecto supera xa as 18 toneladas en 2023, 43 desde que se iniciou o proxecto PLANCTON.

Coa deste sábado son xa 6 as xornadas de retirada de residuos nos catro arquipélagos do Parque Nacional desde o seu inicio fai tres anos, tres en Cortegada, e unha en cada un dos restantes, Cíes, Ons e Sálvora.

Os principais obxectivos que persegue Afundación con este proxecto, e que o levaron a ser recoñecido cun premio especial na última convocatoria dos premios Economía Azul impulsados pola Consellería do Mar, son o fomento da conservación e da sustentabilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en enclaves costeiros con elevados valores ambientais, como é o caso do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, tratando de promover á súa vez entre a sociedade, maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as futuras xeracións, todo iso, acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.