Retiran máis de 10 toneladas de pneumáticos e outros refugallos dos fondos da Illa de Arousa

O Salnés
26 de marzo 2023

As actividades centráronse nos areais de Rubas, Semuíño e Carboeira onde se retiraron principalmente pneumáticos empregados como defensas ou para fondeo de embarcacións, así como grandes cordas, cabos, ancoras en desuso, cables, boias e outros aparellos extraviados durante a actividade pesqueira e tamén aparellos de cultivo e madeiras tratadas

Voluntariado de Afundación retira pneumáticos dos fondos da Illa de Arousa Afundación

Un grupo de traballadores da Confraría da Illa de Arousa e persoas convocadas pola obra social de Abanca dentro do seu programa de voluntariado Actúa, retiraron esta fin de semana de diferentes enclaves costeiros da illa máis de 10 toneladas de residuos voluminosos.

As actividades centráronse nos areais de Rubas, Semuíño e Carboeira onde se retiraron principalmente pneumáticos empregados como defensas ou para fondeo de embarcacións, os chamados 'mortos', así como grandes cordas, cabos, ancoras en desuso, cables, boias e outros aparellos extraviados durante a actividade pesqueira e tamén aparellos de cultivo e madeiras tratadas.

Todos estes obxectos supoñen un perigo para a conservación da biodiversidade deste importante enclave da ría arousá polo que, unha vez finalizadas os labores de retirada dos residuos dos fondos rochosos e arenosos, os pneumáticos xunto co resto dos refugallos entregáronse no porto de Xufre a un xestor autorizado que se encargará do seu correcto tratamento.

Esta acción foi a segunda desenvolvida na Illa desde a confraría tras trasladar ao equipo técnico do Plan de Conservación Territorial impulsado por Afundación a problemática asociada a este tipo residuos, xa que este lixo mariño non só ten un impacto ambiental, ao contaminar as augas a medida que se van degradando, senón tamén consecuencias económicas ao dificultar a execución da actividade marisqueira.

Con esta xornada, xa son máis de 42 as toneladas retiradas das costas e fondos de Galicia, un programa que procura fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar a través dun gran eixo vertebrador de diferentes axentes.