Retiran 2.300 quilos de residuos do fondo do porto de Portonovo

Sanxenxo
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os fondos do porto de Portonovo libres de máis de dúas toneladas de lixo mariño tras unha nova xornada de limpeza organizada por Afundación

Retirada de lixo mariño nos fondos do Porto de Portonovo Afundación

Representantes da Confraría de Pescadores de Portonovo e do Clube Náutico desta localidade, da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, de Portos de Galicia, de Protección Civil, do Concello de Sanxenxo e de Afundación sumaron esforzos este xoves para levar a cabo unha nova xornada de voluntariado ambiental dedicada á retirada de lixo mariño nos fondos do Porto de Portonovo.

As 30 persoas participantes, 12 delas mergulladores, repartíronse nos distintos pantaláns do porto e os mergulladores da Confraría de Pescadores comezaron as inmersións ás 10 da mañá.

En catro horas de traballo conseguiron retirar máis de 2.300 quilos de lixo mariño, fundamentalmente aparellos extraviados durante o exercicio da pesca, como redes, nasas, áncoras, cadeas de ferro, boias, cordas e cabos ou pneumáticos empregados como defensa de embarcacións. 

As persoas voluntarias retiraron tamén distintos residuos de orixe continental como botellas e envases de vidro e diversos obxectos plásticos de distintos tamaños. 

Nas tarefas de recollida atoparon así mesmo numerosas latas de refrescos, un contedor de lixo, dúas baterías de barcos, unha pa, un cubo ou unha cunca de café co seu prato.

Esta é a segunda actuación realizada en zonas portuarias deste concello. A anterior fíxose no Porto de Sanxenxo, logrando retirar máis de 1.200 quilos de lixo mariño. Nas xornadas de limpeza realizadas nestes tres primeiros meses de 2024, as persoas voluntarias participantes conseguiron recoller xa máis de 12 toneladas de lixo mariño no marco do proxecto Plancto. Unha iniciativa que está xa no seu terceiro ano e que permitiu retirar xa máis de 64 toneladas de residuos das praias e costas de Galicia.

O Plan de Conservación Territorial-ON pretende, desde unha perspectiva multidisciplinar, fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades realizadas no mar, especialmente na área de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño de Galicia e Rede Natura 2000, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais. 

Así mesmo, a través desta e tamén doutras iniciativas culturais e formativas, o obxectivo da Obra Social de Abanca é promover na sociedade maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.