Máis de 10 toneladas de residuos retiraron durante a mañá deste sábado mariscadoras da Confraría do Grove e diversas agrupacións de voluntariado dos fondos marisqueiros de diferentes enclaves da Ría de Arousa e de Cambados.
A actividade está enmarcada dentro do programa Plancton, unha iniciativa de Afundación e ABANCA para protexer a biodiversidade das zonas mariñas de Galicia e contou coa colaboración do Concello de Cambados e do Concello do Grove.
As actuacións de limpeza do sábado levaron a cabo de forma simultánea e retiraron pneumáticos, unha cadeira de praia, unha estufa, un quentador, restos cerámicos, pequenos anacos de vidro, tapóns, botes, botellas, envoltorios e outros restos de obxectos plásticos, así como diversos útiles extraviados durante o exercicio da actividade pesqueira, como as nasas ou os acúmulos de redes enmarañadas, cabos e cabitos, principalmente.
Así ata completar 3 toneladas de cerámica, unha tonelada e media de pneumáticos, 880 quilos de vidro e 330 de metais, entre outros, que sumaron nesta xornada máis de 10.300 quilos, unha vez rematadas os habituais labores de clasificación e pesada coas que conclúen cada unha das actuacións de limpeza. Uns residuos que, unidos aos xa retirados en anteriores xornadas, superan xa as 18 toneladas.
Paralelamente a estas actuacións a Obra Social de ABANCA realiza a través de Plancton unha serie de actividades divulgativas e formativas complementarias que pretenden fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas que se desenvolven nas áreas de influencia das Zonas de Especial Protección de Aves Mariñas de Galicia (ZEPA) e outras da Rede Natura 2000.