Os meses de xullo e agosto foron o de máis traballo para o servizo local de Emerxencias do Concello de Sanxenxo. Ao longo de todo o ano 2017 realizou un total de 790 intervencións e o 30% concentráronse neses meses centrais do verán. As cifras, ademais, revelan que interviñeron 245 veces que un ano antes, isto é, un 31% máis.
O balance facilitado polo Concello de Sanxenxo indica que en xullo se realizaron 132 intervencións e en agosto, 105. Fronte a esta actividade frenética dos meses nos que Sanxenxo aumenta de forma importante a súa poboación, as tarefas redúcense en xaneiro e marzo.
En concreto, en xaneiro as intervencións foron 35 e en marzo, 43. O resto do ano, a media sitúase en 60 actuacións cada mes entre accións de salvamento e rescate; intervencións en vías públicas, accidentes e incendios; sucesos relacionados con danos causados por auga e outros riscos.
O tipo de intervención que xerou máis traballo foi a extracción de enxames de velutina, 265, seguida dos incendios, cun total de 142 ao longo do ano entre forestais, urbanos, industriais ou e vehículos, así como en extinción de queimas.
Os profesionais desta área municipal realizaron 131 operacións na vía pública e accidentes, correspondendo en gran parte a accidentes de tráfico con excarceración (5) ou sen ela (75).
Ademais, interviñeron por 45 limpezas de vías por derrames de gasoil na calzada e realizaron 120 asistencias relacionadas con escapes de gas, tendidos e iluminación pública, danos por rotura de tubaxes, aperturas urxentes e desprendementos en construcións
Emerxencias de Sanxenxo tamén presta servizo en concellos limítrofes e no ano 2017 contabilizáronse 57 actuacións en Poio, 26 no Grove e 28 en Meaño.