Un aparatoso accidente de tráfico provocou grandes retencións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Pontevedra esta tarde.
O sinistro que, segundo os primeiros datos, involucra a dous camións e un turismo, produciuse arredor das 14:40 horas.
O suceso rexistrábasde no quilómetro 130, concretamente á altura da ponte da Barca, segundo recolle o servizo de Emerxencias do 112 Galicia.
A colisión afecta aos vehículos que circulan pola carril dereito en dirección a Santiago.
Os atascos esténdense ao longo do vial da autoestrada sobre a ría, chegando ata a parroquia de Salcedo, tal como recollen as cámaras da DGT.
Os servizos de emerxencia desprazáronse ao lugar do accidente para atender ás posibles persoas implicadas e proceder á retirada dos vehículos.
A Garda Civil de Tráfico achegouse á zona regulando a circulación para minimizar o impacto no tráfico, que se normalizou arredor das 16.45 horas deste venres 6.
COLISIÓN NA N-550
Este accidente non foi o único de gravidade que se producía na contorna de Pontevedra nesta xornada.
Segundo informa o 112 Galicia, un particular alertou a este servizo dun accidente entre tres turismos arredor das 18:00 horas.
A persoa informaba dunha colisión entre os tres vehículos na N-550, no quilómetro 116.
Ademais, o alertador indicou que parecía non haber feridos logo do impacto, aínda que máis tarde os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pontevedra sinalaban que unha rapaza implicada precisaba asistencia sanitaria.
Desde o 112 Galicia avisouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foi informada a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.
ATROPELO EN GUTIÉRREZ MELLADO
Ademais, este mediodía, rexistrábase un atropelo na rúa Gutiérrez Mellado no centro da cidade de Pontevedra.
Un turismo, que maniobraba marcha atrás, impactaba contra un home de 78 anos.
A vítima do atropelo era trasladada con diferentes golpes ao Hospital Montecelo para unha exploración médica, segundo indican desde o Concello de Pontevedra.