Restricións de tráfico durante a fin de semana con motivo do Viático

Pontevedra
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A elaboración das alfombras florais obrigará a pechar o tráfico desde as 16.00 horas do sábado 6 de abril ata as 13.00 horas do domingo 7 nas rúas San Guillerme, Xofre de Tenorio, Campo da Torre e Irmáns Nodales

Restricións de tráfico con motivo do Viático. En vermello, os puntos de acceso exclusivamente para garaxes Concello de Pontevedra

O domingo 7 de abril está prevista a tradicional procesión do Viático na contorna da Basílica de Santa María, unha procesión que se celebra unha semana despois do Domingo de Resurrección, promovida por esta parroquia e polo Gremio de Mareantes.

Durante as horas previas, devotos da parroquia elaboran as alfombras florais por onde realizará o percorrido a procesión.

Este acto relixioso obriga, segundo apuntan desde o Concello de Pontevedra, a establecer unha serie de restricións de tráfico rodado pola contorna.

Desde as 16.00 horas do sábado 6 ata as 13.00 horas do domingo 7 estableceranse restricións en San Guillerme, Xofre de Tenorio, Campo da Torre e Irmáns Nodas.

Durante a procesión tamén se limitará de maneira parcial o paso de vehículos polas rúas Martitegui, Pardo Bazán, Ponte da Barca, Paseo de Colón, Monteleón, Almirante Matos e Víctor Said Armesto.

Neste caso, as restricións establécense nunha marxe horaria que transcorre entre as 10.00 e as 11.30 horas.

Permitirase acceso exclusivamente a garaxes por Fonte da Moureira e Domingo de Andrade.

As previsións meteorolóxicas do servizo de Meteogalicia sitúan nun 90% as posibilidades de chuvia durante o sábado e o domingo no municipio de Pontevedra.