"Resistiréis, doblando vuestras guardias", a canción coa que os internos da Lama aplauden ao persoal sanitario

A Lama
01 de abril 2020

Os 40 internos do Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais interpretan Xuntos e unha versión propia de Resistiré durante as súas visitas á Enfermería durante a fin de semana: "Si algún día nos entra este virus, siempre estáis ahí para ayudar"

Centro penitenciario da Lama Cristina Saiz

Vivir o confinamento nun lugar no que xa estás confinado non resulta nin sequera sinxelo de comprender desde a liberdade que dá o propio fogar. Os internos do centro penitenciario da Lama viron alterado o seu día a día desde a activación do estado de alarma en termos similares aos que están a vivir as persoas en liberdade e, como o resto da sociedade, senten estes días o torrente de emocións que mesturan medo ao coronavirus, abafo polo cambio de rutinas e agradecemento infinito ao persoal sanitario que se converteu en primeira liña de defensa contra a pandemia, polo que non resulta estraño que tras os muros da prisión tamén aflorasen iniciativas para aplaudir o traballo destes profesionais nos que están depositadas todas as esperanzadas contra os contaxios. 

Na Lama non hai aplausos, pero a homenaxe chega coa mesma intensidade cando empezan a escoitarse dúas cancións. Os internos interpretan unha readaptación da famosa letra de Xuntos, de Juan Pardo, e unha versión propia dun dos himnos do confinamento, Resistiré, do Dúo Dinámico, para dar as grazas pola súa atención e dedicación a eses sanitarios que lles atenden día a día.

A iniciativa, tan cargada de emotividade como os aplausos que cada día ás oito xorden de xanelas e balcóns, viviuse na enfermería do centro as dúas últimas fins de semana. Xurdiu dos 40 internos do Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM), que aproveitaron a súa visita habitual ao Módulo de Enfermería para recoller a súa medicación para cantar aos traballadores sanitarios que prestan servizo no mesmo. 

Estes internos acoden a un taller de musicoterapia e, aproveitando os seus coñecementos, reescribiron a famosa letra do Dúo Dinámico para adaptala ás súas propias circunstancias de atopase entre reixas e sufrir unha enfermidade mental, que os converte nun colectivo moi vulnerable. Na letra deslizan, ademais, os seus propios temores, pois aínda non se confirmou ningún caso nin entre os funcionarios nin na poboación recluída deste centro, pero o risco de que se rexistre coronavirus está aí. 

"Cuando se me cierren las salidas. Cuando me ataque la soledad. Cuando necesite medicinas. O cuando tenga alguna enfermedad. Cuando me dé un ataque de nervios. Cuando no pueda con la ansiedad. Si algún día nos entra este virus, siempre estáis ahí para ayudar. Resistiréis, doblando vuestras guardias. Arriesgaréis las vidas. Y jamás os rendiréis", cantan os internos, segundo a letra que trasladaron a PontevedraViva fontes penitenciarias. 

Hai xa moitos anos que no centro penitenciario se estableceu o protocolo de que durante a semana o persoal sanitario acode tres veces ao día ao módulo do PAIEM para entregarlles a súa medicación, pero, durante a fin de semana, son os propios internos os que acoden á Enfermería. Durante o estado de alarma cambiaron moitas cuestións do funcionamento diario do penitenciario, pero non esta, de modo que ese é o momento que aproveitan para cantar a quen lles atende. 

A letra de homenaxe asume que existe ese risco de contaxio, pero ten toda a confianza posta no persoal sanitario:"Y aunque se sepa que podéis caer, enfermos resistiréis, resistiréis. Resistiréis, doblando vuestras guardias. Arriesgaréis las vidas. Y jamás os rendiréis. Y aunque se sepa que podéis caer, enfermos resistiréis" . 

Este himno de tan particular confinamento leva escoitándose os dúas últimas fins de semana, as dúas enteiras desde que se activou o confinamento. Desde que comezou estas nova circunstancias, segundo sinalan fontes penitenciarias consultadas por este xornal, o centro estivo tranquilo e os internos están a ter un comportamento exemplar, conscientes de que o mundo enteiro está a vivir unha situación excepcional na que é necesario que toda a poboación poña da súa parte para frear o avance do Covid-19.

A súa vida diaria viuse tan alterada como a do resto da poboación, pero adaptada ás súas circunstancias. No seu caso, suspendéronse os permisos e as comunicacións en persoa coas familias e o funcionamento do propio centro cambiou, con máis restricións das habituais en canto a movementos, suspensión das actividades formativas e extramodulares e mesmo reagrupamento de módulos, todo centrado na contención e en preparar as instalacións para un posible contaxio.

Os internos son conscientes, como o resto da sociedade que só a unión axudará a frear a curva de contaxios e ese o espírito que trasladan coa outra canción que dedican aos seus sanitarios, unha versión libre do éxito de Juan Pardo: "Xuntos pra gaña-la vida. Día día xuntos pra levarnos ben. Xuntos porque así xuntiños teremos máis camiños pra facelo ben. Xuntos máis fortes, máis claro, xuntos máis ben. Xuntos, nós xuntos, xuntos nos fallso tamén".