Integrantes da asociación de veciños de San Miguel de Marcón alertan sobre o grave estado de deterioro e abandono que presentan as beirarrúas e zonas de aparcamento no lugar de Vilafranca, especialmente no tramo comprendido entre o muíño e a panadería.
Os residentes denuncian que tanto as beirarrúas como as áreas de estacionamento convertéronse en "auténticos vertedoiros", invadidos por silvas e lixo acumulado arredor dos colectores.
A situación agrávase polo deficiente estado das canles pluviais, que se atopan obstruídas ou mesmo foron colonizadas por vexetación que medra desde o seu interior.
Entre os puntos máis críticos destacan a presenza de maleza arredor do valado azul instalada no perímetro da estrada PO-542; e o antigo espazo da gasolineira, agora convertido en aparcadoiro, onde a vexetación brota sen control e oculta parcialmente o valado de madeira.
Tamén se amosan preocupados polo estado "deplorable" da contorna da Fonte de Vilafranca e polo leito do río do Marco que cruza esta zona, completamente invadido por maleza.
Os veciños sinalan que as escasas intervencións de limpeza realizadas foron deficientes, ignorando que "a liña de expropiación esténdese polo menos un metro cara ao interior das leiras", como evidencian algunhas viguetas de formigón que aínda marcan estes límites, segundo indican.
A asociación veciñal busca que as administracións competentes tomen cartas no asunto e que interveñan canto antes na limpeza de toda esta zona situada entre a rotonda do Marco e a Fonte de Vilafranca.
Séntense discriminados xa que levan "moito tempo en estado de abandono total".