Rescatan un menor na ría arrastrado polo vento cando durmía nunha balsa

Poio
15 de agosto 2024

Axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra interviron para axudar o menor que tentaba regresar á praia de Laño en Poio cando o vento o arrastraba cara ás bateas situadas no interior da ría

Praia de Laño, en Poio Turismo de Galicia - Xunta de Galicia

Un menor natural de Madrid foi rescatado na tarde do mércores polo Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra tras ser arrastrado polo vento mentres se atopaba nunha pequena embarcación na ría de Pontevedra.

Os axentes, que patrullaban a zona, observaron unha embarcación tipo dinghy na que o menor intentaba desesperadamente regresar á praia utilizando remos, pero era incapaz de loitar contra a forza do vento, que o empurraba perigosamente cara ás bateas.

O menor, que saíra dende a praia de Laño, en Samieira, Poio, relatou que quedara durmido mentres gozaba dun momento de tranquilidade na embarcación, sen decatarse de que o vento o estaba afastando rapidamente da costa.

Cando espertou, xa estaba no medio da ría, sendo arrastrado cara ás bateas.

A Garda Civil interviu de inmediato, utilizando unha pneumática semirríxida, a Punta Roncadoira, para remolcar a pequena embarcación de volta á praia de Laño, onde finalmente foi posto a salvo.

A familia do menor, que se atopaba a bordo dun barco próximo, tamén saíra na súa procura ao decatarse da desaparición.

Este rescate subliña a importancia de extremar as precaucións no mar en días de forte vento.