Un mozo madrileño de 30 anos tardará en esquecer o susto que sufriu este sábado mentres practicaba kitesurf, un deporte náutico que consiste en surfear sobre unha táboa que é impulsada por unha cometa.
E é que tivo que ser rescatado despois de chocar contra a ponte que une A Illa de Arousa co continente e quedar á deriva no medio da ría.
O forte vento provocou que perdera o control da táboa e que, posteriormente, non puidera volver a subir a ela.
Segundo confirmaron fontes oficiais, tras caer ao mar foi arrastrado pola corrente. No momento no que foi localizado polo servizo marítimo da Garda Civil estaba xa a 500 metros da ponte.
O mozo, que se atopa en perfecto estado de saúde, foi evacuado ao peirao do Xufre (A Illa de Arousa).
Alí o esperaba un familiar que se fixo cargo del cando a Garda Civil o levou a porto.