Rescatan quince cachorros abandonados, seis en Ponte Caldelas e nove en Meaño

Ponte Caldelas
24 de setembro 2022

En apenas 48 horas ata quince cachorros recentemente nacidos foron rescatados polo persoal do Centro de Acollida de Protección de Animais (CAAN) da Deputación. Todos eles están a recuperarse dun xeito satisfactorio nas instalacións da Armenteira

Camada rescatada en Meaño Deputación de Pontevedra

En apenas 48 horas ata quince cachorros recentemente nacidos foron rescatados polo persoal do Centro de Acollida de Protección de Animais (CAAN) da Deputación. Todos eles están a recuperarse dun xeito satisfactorio nas instalacións da Armenteira.

Seis dos animais foron abandonados nunha caixa ante o pavillón de Ponte Caldelas.

Os cachorros son cinco femias (Nela, Baca, Crisal, Vera e Terra) e un macho (Watson).

Teñen aproximadamente un mes de idade e están a recibir os coidados necesarios no CAAN, aínda que en principio atópanse en bo estado de saúde.

24 horas despois recolléronse outros nove cachorros con só quince días de vida. Son oito machos (Floro, Lou, Mío, Valdo, Pazo, Bico, Cobo e Sil) e unha femia (Lis) e están a ser aleitados pola súa nai, Quina, que foi recuperada xunto aos animais nunha silveira en Dena (Meaño).

Afortunadamente todos están tamén en bo estado.

Os quince cachorros estarán no CAAN ata completar a súa recuperación e, se todo vai ben, poderán saír en adopción nuns meses tras cubrir todo o cadro de vacinación.