Rescatan catro persoas e un can en Bueu ao envorcar a dorna na que navegaban

Bueu
02 de abril 2017

Por causas que están por determinar ao facer unha viraxe, a embarcación envorcaba. Os tripulantes mantivéronse ao redor de 20 minutos na auga a unha milla da costa tentando alcanzar as bateas

Os tripulantes son atendidos no Porto de Bueu Diego Torrado

Catro persoas foron rescatadas na tarde deste domingo 2 en Bueu despois de que envorcase a embarcación na que navegaban pola ría de Pontevedra. Un dos náufragos, segundo informa o servizo de Emerxencias do 112, presentaba síntomas de hipotermia. 

O suceso rexistrábase a unha milla da costa, nunha zona de bateas preto do lugar de Agrelo. Unha persoa particular chamaba o 112 Galicia minutos despois das 17.00 horas para alertar da situación.

Segundo a Policía Local, trátase de membros da asociación Os Galos de Bueu que saíron á mar acompañados por un can nunha dorna. Por causas que están por determinar, ao facer unha viraxe a embarcación envorcaba. Os tripulantes mantivéronse ao redor de 20 minutos na auga tentando alcanzar as bateas.

Os catro homes e o can foron rescatados por unha embarcación do Servizo de Vixilancia Aduaneira que se atopaba pola zona e trasladábaos ata o porto de Bueu. Non foi necesario que os servizos de emerxencia acompañasen a ningún dos tripulantes a un centro de atención sanitaria porque foron recuperándose e trasladáronse aos seus domicilios.

O persoal do Centro de Atención a Emerxencias do 112 Galicia informara a efectivos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, ademais de poñelo en coñecemento de Urxencias Médicas, de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil.