A Consellería de Sanidade está a perfilar as fórmulas polas que poderá abrir o lecer nocturno das localidades que se atopen en nivel medio, como sucede nestes momentos en Pontevedra, Poio, Marín ou Caldas de Reis. Os locais poderán abrir sempre e cando soliciten á clientela que cumpran os seguintes requisitos: presentar unha PCR ou test de antíxeno con resultado negativo e realizados nas 72 horas anteriores, presentar o certificado de vacinación completa ou ter un certificado de ter pasado a covid-19 nos últimos seis meses.
Así o anunciou este xoves a propia consellería, que fai un chamamento a que a poboación acuda aos cribados poboacionais, pois a participación da xente nova é moi baixa. Así, animan á mocidade que queira gozar do lecer nocturno a que acudan a realizar estas probas, pois desta maneira terán a proba feita e poderán acceder aos locais.
A norma entrará en vigor este sábado día 10 de xullo ás 00:00 todas e todas as persoas que queiran entrar nunha discoteca ubicada en calquera concello de nivel medio de restricións deberán presentar un destes documentos.
O Servizo Galego de Saúde pon a disposición dos cidadáns esas probas diagnóstica nos cribados poboacionais en curso e tamén as que se están a facer nas farmacias galegas adheridas ao plan da Consellería de Sanidade.
Ademais, estase a "traballar na posibilidade" de que as persoas novas que queiran facer unha proba previa a acudir a un local de lecer nocturno poidan acceder sen cita aos puntos autocovid de realización de PCR que funcionan en Galicia desde o inicio da pandemia.