Representantes sindicais dos Bombeiros de Pontevedra, pertencentes a CCOO, CSIF e UXT, emitiron un comunicado onde indican que, "coñecedores en primeira persoa da situación que vivimos neste servizo", queren aclarar que o agradecemento público de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, ás actuacións dos bombeiros durante os temporais resulta "incoherente coa falta de persoal" do servizo.
Alertan de que se produce un incumprimento da Lei de Prevención reiteradamente no parque, porque se anulan descansos, restrínxense dereitos e prodúcense abusos laborais con "incrementos brutais de xornadas".
Explican que a falta de persoal reflíctese constantemente nas intervencións. Apuntan, neste sentido, que se as actuacións son fóra do municipio de Pontevedra, a cidade queda sen bombeiros durante o tempo de intervención.
Poñen como exemplo cando tiveron que acudir a un barranco en Ponte Caldelas onde unha persoa atopábase nun vehículo caído desde unha altura de vinte metros. Sinalan que nese caso, Pontevedra quedou sen efectivos durante máis dunha hora.
Insisten en denunciar que non se cumpre coa dotación de bombeiros mínima estipulada provocando un "alto risco para os propios bombeiros" ao limitar a capacidade de resposta ante unha situación de rescate de vidas, aplicación de procedementos de seguridade e salvamento; e principalmente causando un alto risco para a seguridade da cidadanía.
A representación sindical lembra que noincendio dun garaxe en Cruz Gallásteguiincumpríase a dotación mínima de bombeiros estipulada para unha actuación destas características.
Acusan o alcalde e á concelleira Eva Vilaverde, responsable de Protección Cidadá, de "tentar tapar esta problemática con agradecementos ou publicitando que Pontevedra ten un persoal sobredimensionada" cun número de efectivos nas intervencións que, segundo os sindicatos, "non é real".
Tamén denuncian que o goberno de Fernández Lores incumpre reiteradamente a Lei de Prevención de Riscos Laborais, entre outras cuestións, na adquisición de EPIS, sen consultar con representantes dos traballadores.
Sinalan que "nos vemos obrigados a denunciar ante Inspección de Traballo" esta situación, aínda que recoñecen que este organismo, a diferenza do que sucede nas empresas privadas, non pode impoñer ás administracións públicas multas económicas nin pechar centros de traballo por incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Por último, insisten en sinalar que "o corpo de bombeiros está cansado da falta de transparencia, enganos á cidadanía e abusos laborais deste goberno local", segundo recolle o comunicado remitido desde a xunta de persoal do Concello de Pontevedra.