Representantes do goberno de Canarias visitarán Pontevedra para coñecer o Plan Revitaliza

Pontevedra
01 de marzo 2020

Unha delegación do goberno canario, que estará acompañada por representantes dos cabildos e de concellos das illas, visitarán a provincia de Pontevedra esta semana para coñecer o Plan Revitaliza. O seu obxectivo é trasladar este modelo de xestión da compostaxe ao seu territorio

Técnico do Plan Revitaliza Deputación de Pontevedra

Unha delegación do goberno canario, que estará acompañada por representantes dos cabildos e de concellos das illas, visitarán a provincia de Pontevedra esta semana para coñecer o Plan Revitaliza. O seu obxectivo é trasladar este modelo de xestión da compostaxe ao seu territorio.

Entre outros, estarán en Pontevedra o conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación, José Antonio Valbuena; o viceconselleiro de Loita contra o cambio climático, Miguel Ángel Pérez; o director xeral José Domingo Fernández; o xefe de gabinete José Luis Figueroa; e o asesor Ryco Bejarano García.

Ademais virán representantes do Cabildo de Palma e dos concellos de Breña Baja, Barlovento, Garafía, Los Llanos de Aridane, Fuencaliente de la Palma, Villa de Mazo, Tazacorte, Puntallana, Tirajafe e Mazo, xunto con outras entidades e entidades públicas e privadas.

O luns a delegación visitará centros de compostaxe comunitaria en San Antoniño (Barro), Barrantes (Ribadumia), O Grove, Portonovo, Moaña e Vilaboa, así como as instalacións do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Tamén se haberá unha sesión técnica con presentación de datos económicos e técnicos actualizados do Revitaliza.

Xa o martes, continuarán as visitas aos centros comunitarios no municipio de Pontevedra, haberá unha charla explicativa do Revitaliza e realizarase unha recepción institucional na que se valorará o percorrido realizado. 

Esta nova visita á provincia de Pontevedra, segundo o vicepresidente pontevedrés César Mosquera, é unha mostra do interese que xera o Revitaliza. En concreto, e en relación ao territorio canario, o nacionalista destacou que o programa pontevedrés é perfectamente adaptable polas súas características.