Representantes de Brasil e Italia visitan 'a cidade dos 15 minutos' dentro do proxecto 'AcessoCidades'

Pontevedra
25 de setembro 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a tenente de alcalde, Eva Villaverde, recibiron este luns a unha nova delegación estranxeira interesada en coñecer as políticas públicas de mobilidade urbana da Boa Vila

Recepción a representantes de cidades italianas e brasileiras Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a tenente de alcalde, Eva Villaverde, recibiron este luns a unha nova delegación estranxeira interesada en coñecer as políticas públicas de mobilidade urbana da Boa Vila. 

Esta delegación estaba formada por representantes de cidades italianas e brasileiras interesadas no intercambio de experiencias e boas prácticas entre países para fomentar unha mobilidade sostible a partir de criterios de igualdade.

A visita enmárcase no Proxecto 'AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas', unha iniciativa do Fronte Nacional de Prefeitos (Brasil), en colaboración coa Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedad (España) e a Associazione Nazionale Comuni Italiani (Italia), con cofinanciamento da Unión Europea.

Despois da recepción co alcalde, o director xeral de Seguridade do Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle, realizou unha presentación do modelo de cidade e unha visita guiada pola mesma.

Os representantes italianos e brasileiros tiñan especial interese en coñecer o 'metrominuto', con percorridos a pé que vertebran o centro urbano pontevedrés e permiten situarse en calquera punto da cidade en quince minutos. 

Ademais da cidade do Lérez esta delegación ten previsto visitar Vigo, Bilbao, Barcelona, e Santa Coloma de Gramenet.

A delegación debaterá sobre aspectos como a sustentabilidade financeira do transporte e sobre peaxes urbanas ou impostos a combustibles. 

Tamén buscan coñecer experiencias prácticas sobre os modelos de operadoras, a xestión do transporte público nas zonas metropolitanas, a regulación dos servizos de transporte individual a través de aplicacións, o fomento da mobilidade a pé ou en bicicleta ou as facilidades para que os colectivos vulnerables teñan acceso a toda esta rede de servizos, entre outras cuestións.