A Asociación Galega de Apicultura e o Concello de Bueu volven unir esforzos, como nos últimos anos, no seu afán de loitar contra a expansión da avespa velutina.
O colectivo de apicultores alerta da necesidade de comezar a instalar trampas para previr a proliferación de niños ao longo dos próximos meses.
Desta forma, está previsto que se realicen actos públicos de información e sensibilización cidadá este mércores 2 de marzo na Casa do Pobo de Beluso a partir das 20.30 horas. Continuarán o xoves á mesma hora no Centro Social do Mar; e o venres no Centro Sociocultural de Cela.
Repartiranse duascentas trampas e líquido como ferramentas para que a veciñanza poida facer fronte á aparición de niños desta especie. O material poderá recollerse nestes actos públicos nas parroquias e a organización recomenda que as persoas acudan con bolsas para evitar o uso innecesario de plástico.
Xosé Leal, concelleiro de Medio Ambiente, pide a colaboración cidadá nesta campaña ao entender que está demostrado que as trampas reducen amplamente a presenza de niños destas avespas, que causan graves danos entre a poboación de abellas. A Asociación Galega de Apicultura incide na importancia destas accións preventivas.