"2x1. Cada agasallo mercado no comercio local de Pontevedra vale por dous" é o lema da campaña que desenvolve a concellería de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, co obxectivo de que se realicen as compras durante estas festas no comercio de proximidade do municipio.
Está previsto que o Concello de Pontevedra reparta 27.000 flyers oficiais da campañan en domicilios da cidade e das parroquias a través do servizo de Correos.
Esta campaña busca que os Reis Magos, Papá Noel ou o Apalpador realicen as súas compras no comercio local "para reforzar a economía de toda a comarca".
A esta iniciativa súmanse actividades nos barrios co programa que leva por título 'Merca no barrio', que se iniciará o sábado 16 de decembro.
O Mercado de Abastos tamén forma parte desta acción coa inclusión do Mercado creativo e o Ganapán, que iniciará a súa actividade o 22 de decembro.
Ademais, no barrio da Parda e na Rúa San Antoniño desenvolverase unha proposta experimental para dinamizar as compras nestas contornas.