Reordenan o tráfico en Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo

Pontevedra
16 de xuño 2021

O eixo que forman as rúas Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo serán obxecto dunha serie de actuacións coas que o goberno municipal busca mellorar a mobilidade desta contorna urbana, situada no ámbito da desembocadura do río Gafos

San Roque de Abaixo PontevedraViva

O eixo que forman as rúas Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo serán obxecto dunha serie de actuacións coas que o goberno municipal busca mellorar a mobilidade desta contorna urbana, situada no ámbito da desembocadura do río Gafos. 

A edil Eva Vilaverde explicou que toda esta zona "precisaba dunha actuación de mellora do espazo público" que non se limitase a pavimentar os viais, xa que se trata dun barrio "eminentemente residencial" con problemas de mobilidade.

Así, tras o cambio da capa de rodadura en Palamios, farase o mesmo en toda a rúa San Roque de Abaixo, entre Ribeira dos Peiraos e a Rúa Corpo Santo. Pero o cambio máis importante chegará co seu novo sentido de circulación.

Ata o de agora, os coches procedentes de Alameda ou Beiramar podían xirar na rúa San Roque para acceder a San Roque de Abaixo e dirixirse ao centro urbano por Palamios, pero a partir de agora esa rúa cambia o seu sentido e quedará restrinxida a residentes e servizos.

Ante o peche de Raíña Vitoria, os vehículos que necesiten acceder ao centro por esta zona deberán facelo por Ribeira dos Peiraos e, no cruzamento con Palamios -que será elevado para dar continuidade ao itinerario peonil- continuar por esta rúa ata a zona da Audiencia.

Ademais, instalarase un paso de peóns elevado na metade de Ribeira dos Peiraos, para reducir a velocidade pola que circulan os coches por esa zona.

Xa en Palamios actuarase no tramo entre o hotel Dabarca e o ximnasio do Mace Sport. Elevarase o paso de peóns situado enfronte das escaleiras de acceso a Raíña Vitoria e haberá outro redutor de velocidade no paso estreito fronte ao ximnasio.

Este punto, que carece de beirarrúas, converterase nunha zona de preferencia peonil e a velocidade estará restrinxida a 10 quilómetros por hora, segundo explicou Eva Vilaverde.

Esta actuación completarase con outro paso de peóns elevado en San Roque de Abaixo, enfronte da escola infantil e as outras escaleiras de acceso a Raíña Vitoria, e coa creación dunha " orella" no entroncamento desta rúa coa Rúa Corpo Santo.

Os aparcamentos de San Roque de Abaixo "probablemente", segundo a edil do BNG, quedarán reservados para servizo das dúas escolas infantís que hai na zona.

Todas estas obras comezarán mañá e prevense completar en só dous días, durante os que haberá cortes de tráfico e só permitirase o acceso a residentes e garaxes.