Case 530.000 euros. Será o diñeiro que invista o goberno municipal de Pontevedra para adecuar o parque de bombeiros ás recomendacións sanitarias pola covid-19. Trátase dunha serie de obras de emerxencia para mellorar o interior das instalacións.
A portavoz do executivo local, Anabel Gulías, explicou que esta reforma está motivada pola pandemia, de forma que se poidan garantir as distancias entre os traballadores para reducir o risco de contaxios.
Así, todas as dependencias de uso común, entre elas a cociña, a zona de descanso ou as estancias onde os bombeiros esperan para realizar intervencións, serán ampliadas e situaranse na zona dereita do parque, onde está o taller dos coches e o hangar anexo.
A área de oficinas concentrarase, por parte, no lado esquerdo do parque, onde tamén haberá máis espazo para estes despachos.
O taller dos coches estará no hangar anexo e os dormitorios estarán na parte superior do parque, segundo confirmou Anabel Gulías.
Estas obras, que foron aprobadas polo procedemento de urxencia, teñen un prazo de execución de catro meses e o Concello espera poder acometelas "coa máxima celeridade".