Renovarán a igrexa de San Martiño, con obras en todos os espazos do templo

Pontevedra
17 de marzo 2023

O proxecto, segundo explicou o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, contempla ata unha ducia de intervencións distintas que supoñen unha restauración global e transversal deste ben relixioso, orientadas a favorecer a súa conservación

Presentación do proxecto de rehabilitación da igrexa de San Martiño Xunta de Galicia

Preto de 280.000 euros vai investir a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, no proxecto para a rehabilitación e posta en valor da igrexa de San Martiño, en Salcedo.

O proxecto, segundo explicou o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, contempla ata unha ducia de intervencións distintas que supoñen unha restauración global e transversal deste ben relixioso, orientadas a favorecer a súa conservación.

Así, arquitecto redactor desta actuación, Carlos Rosón, detallou que estas obras, algunhas de gran calado, desenvolveranse en practicamente todos os espazos do templo.

Beneficiarán á cuberta, á fachada, á escultura de San Martiño, ao coro, á estrutura, ás carpintarías exteriores, ao interior, á torre do campanario e ás cúpulas.

En canto ás obras previstas, as máis importantes desenvolveranse na cuberta e consistirán na renovación de toda a súa estrutura con paramentos verticais ou a protección da superficie horizontal da torre da campá cun oco ventilado para evitar a entrada de auga.

Ademais, acometerase a creación dun apoio da estrutura da cuberta do cruceiro e da capela maior, a substitución das trabes de formigón por cerchas de castiñeiro, a retirada do entullo acumulado sobre as bóvedas e o saneamento do morteiro dos nervios da estrutura.

No que respecta ás fachadas, está previsto que se repoñan os sillares que faltan na parte superior da parede sur, que se realice un novo rexuntado con morteiro de cal e unha limpeza suave da canteiría nas zonas sur e oeste e que se acometa unha actuación integral na escultura exterior de San Martiño para garantir a súa estabilidade e recuperar a súa beleza.

Por outra banda, farase unha intervención nalgunhas carpintarías exteriores para engadir un sistema que permita que haxa ventilación cruzada, recurtarase o perímetro do pavimento de madeira do interior para evitar o seu contacto coa humidade dos muros e, xa no coro, renovarase o sistema de ancoraxes da balaustrada e realizarase un novo rexuntado.

Finalmente, na torre do campanario colocarase un sistema que impida a entrada de auga e paxaros e permita a ventilación nos ocos da escaleira da torre e rexuntaranse con morteiro de cal as cúpulas das dúas torres.