Así será a renovación estética que busca "poñer en valor" a ponte medieval de Ponte Sampaio

Pontevedra
23 de novembro 2024

O obxectivo desta intervención é garantir a conservación da ponte e realzar a súa estética, o que contribuirá a reforzar o atractivo desta contorna que coincide coa traza do Camiño Portugués

María Martínez Allegue, acompañada dos alcaldes de Pontevedra e Soutomaior, na ponte medieval de Ponte Sampaio Cristina Saiz

Case medio millón de euros investirá a Xunta de Galicia nunha actuación deseñada para "poñer en valor" a ponte medieval que une Ponte Sampaio con Arcade.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que estivo acompañada polos alcaldes de Pontevedra e Soutomaior na súa visita á ponte, explicou que a rehabilitación prevista, que xa saíu a licitación, terá un prazo de execución de seis meses.

O obxectivo desta intervención é garantir a conservación da ponte e realzar a súa estética, o que contribuirá a reforzar o atractivo desta contorna que coincide coa traza do Camiño Portugués.

Así, realizaranse labores de limpeza dos paramentos, colocando unha rede desde os tallamares como medida protectora do río Verdugo.

Tamén se reparará o pavimento, repoñendo as pezas de lastra onde sexa necesario.

Ponte medieval de Ponte SampaioCristina Saiz

Co fin de acentuar a estética desta ponte instalarase iluminación na calzada para o tráfico rodado e peonil, para o que se habilitarán vinte luminarias con tecnoloxía LED nos tallamares.

Ademais, dotarase a ponte dunha iluminación ornamental con 36 proxectores LED.

Para mellorar todo este conxunto tamén se actuará sobre o pavimento dos treitos da estrada PO-264 contiguos á ponte. Neles, eliminarase o pavimento asfáltico existente, que será substituído por un novo lousado granítico.

A intervención completarase coa plantación de céspede no triángulo flanqueado polo bordo do río e o acondicionamento dos espazos anexos á ponte, tanto na entrada como na saída.

Esta ponte, segundo Martínez Allegue, é un "claro exemplo" do patrimonio "enriquecedor" que, en materia de infraestruturas, existe en Galicia, neste caso un vial que leva "centos de anos" conectando Arcade con Ponte Sampaio e que "queremos dar a coñecer".

María Martínez Allegue, acompañada dos alcaldes de Pontevedra e Soutomaior, na ponte medieval de Ponte SampaioCristina Saiz

Tanto Manu Lourenzo como Miguel Anxo Fernández Lores destacaron que esta rehabilitación era una "demanda histórica" dos seus municipios, unha actuación "estratéxica" para mellorar a experiencia dos miles de peregrinos que pasan pola ponte na súa viaxe polo Camiño Portugués.

"Agardemos que o resultado sexa o que esperamos", subliñou o alcalde pontevedrés que, ao igual que o seu homólogo en Soutomaior, destacou as obras que, impulsadas polos dous concellos, se fixeorn nesta ruta de peregrinación, "un patrimonio de todos no que hai que investir".