Remata a primeira fase das obras do Valle Inclán, a "catedral educativa" de Pontevedra que avanza segundo o previsto

Pontevedra
19 de abril 2024

O proxecto contempla tres fases de nove aulas cada unha e a cuberta e concluíu xa "un terzo" da actuación. O conselleiro de Educación visitou este venres o centro e apuntou que hai 326 xanelas con 33 tipoloxías diferentes e estase recuperando a súa orixe

Visita do conselleiro de Educación ás obras do instituto Valle Inclán Mónica Patxot

As obras de rehabilitación do instituto Valle Inclán de Pontevedra avanzan "cumprindo" os plans previstos e este venres puido darse por concluída a primeira fase co acondicionamento das primeiras nove aulas. 

O proxecto contempla tres fases de nove aulas cada unha e a cuberta e, segundo confirmou a arquitecta coordinadora da obra, Rosa Soñora, xefa da Unidade Técnica de Educación en Pontevedra, concluíu xa "un terzo" da actuación.

Segundo explicou, vai con máis atraso a reforma da cuberta porque o proceso para retirar o amianto atrasouse polas condicións meteorolóxicas deste inverno, pero está prevista que a próxima semana xa comece tamén este proceso. 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este venres o centro para comprobar o avance das obras de rehabilitación integral e destacou que este instituto é "un dos edificios máis significativos" da cidade de Pontevedra e do conxunto de Galicia e unha das "catedrais educativas" galegas. 

Como exemplo de como está a se realizar a rehabilitación e a dimensión da mesma, o responsable de Educación apuntou que hai 326 xanelas con 33 tipoloxías diferentes e hai que facelas ad hoc. Están a usarse novas pezas de altísima calidade en madeira de castiñeiro e buscando recuperar as características históricas do edificio. "Estamos a recuperar a tipoloxía de xanelas e o mesmo cor da xanela; son de madeira de castiñeiro que tiña orixinalmente", cando se abriu o edificio no século XIX. 

Román Rodríguez felicitou a todos os axentes que interveñen neste proceso, desde a dirección e o profesorado do centro ao alumnado e as familias e a empresa (Construcións Ramírez) e a Xefatura Territorial de Educación destacou que os estudantes se adaptaron "moi ben" a todos os cambios e a medidas excepcionais como o traslado de varias clases a aulas móbiles no exterior do centro.

Respecto diso, o director do centro, Daniel Mejuto, destacou que "a actitude do alumnado foi estupenda" adaptándose a estas novas aulas. Aínda que el recoñece que era "escéptico" ao principio, considera que "foi un gran acerto" este sistema. 

Sobre o fin da primeira fase, o conselleiro explicou que significa que xa hai nove aulas acondicionadas e alumnos que agora estaban noutros espazos poderán xa trasladarse. A previsión é empezar a trasladar o mobiliario na tarde do venres e durante toda a fin de semana e, desta forma, "o luns os alumnos poderán estrear aulas absolutamente acondicionadas para poder desenvolver actividade educativa normal". Estrearano uns 250 alumnos.

A partir desta fin de semana, xa comezará a segunda fase, de modo, que segundo Román Rodríguez, "estamos a cumprir os prazos expostos na comisión de seguimento e pactados entre todos os axentes que interveñen no proceso". Recoñece que  houbo "algún axuste", en especial os motivados polas condicións meteorolóxicas.

Daniel Mejuto explicou que hai "certa curiosidade" dos estudantes para coñecer como son esas aulas e confía en que ese novo traslado vaia "o mellor posible".

Coa segunda fase xa en marcha a partir do luns, confían en que o próximo curso as clases poidan comezar con total normalidade e xa sen esas aulas móbiles exteriores.