Regresan de Afganistán os últimos efectivos da Brilat despregados na zona

Pontevedra
26 de marzo 2015

Ao redor de 113 militares chegaron na tarde do mércores ao Aeródromo Militar de Lavacolla procedentes de Herat completando o repregamento de tropas da Brilat na súa sexta misión en Afganistán

Chegada dos últimos militares da Brilat que participaron na misión ASPFOR XXXVI en Afganistán

A terceira e última das rotacións que conformaron a misión española en Afganistán xa está na casa.

Os últimos militares, ao redor de 113, pertencentes a Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) chegaron na tarde deste mércores ao Aeródromo Militar de Lavacolla completando o repregamento de tropas iniciado hai escasas semanas.

Á chegada do voo, procedente de Herat, as tropas foron recibidas con emoción polos seus familiares catro meses despois da súa marcha e coa satisfacción do traballo ben feito ao mando da misión 'Resolute Support', asumida por un continxente creado sobre a base do Batallón Zamora, pertencente ao rexemento Isabel La Católica 29 con sede en Figueirido.

Foi a sexta misión da Brilat en Afganistán, na que o seu labor se centrou en garantir a seguridade da base de Camp Arena, na que conviven militares e civís de múltiples nacionalidades.

Concluído o repregamento, a base pontevedresa só conta cunha misión internacional activa, en Mali, na que están despregados 110 soldados dos cuarteis de Figueirido e Cabo Noval (Asturias). O seu regreso está previsto que se produza ao longo do mes de abril.