Regresa a campaña (En)volve para que ningún cativo quede sen agasallo de Nadal

Pontevedra
03 de decembro 2024

As cartas cos desexos dos pequenos serán enviadas a través de WhatsApp e os agasallos deberán entregarse na Casa Azul, edificio de Benestar Social do Concello de Pontevedra, situado na rúa Sor Lucía

Agasallos do programa EnVolve PontevedraViva

Xa está en marcha, un ano máis, a campaña de Nadal (En)volve.

Esta iniciativa busca garantir que ningún neno ou nena quede sen agasallo nestas festas.

Para participar nesta proposta municipal solidaria, as persoas interesadas en recibir unha carta e entregar o agasallo só teñen que cubrir este formulario en liña (https://forms.gle/p89LwgsFvxZeYazQ7).

Este ano, co obxectivo de facilitar o proceso, as cartas cos desexos dos pequenos enviaranse por WhatsApp.

As persoas colaboradoras unicamente terán que achegarse para entregar o agasallo á Casa Azul, edificio onde se realizan actividades de Benestar Social do Concello de Pontevedra, situado na rúa Sor Lucía.

Tamén poden ser cómplices os menores de idade, pero precisan a autorización da nai, pai ou titor/a legal e debe indicarse o nome da persoa adulta que autoriza e que se fai responsable da carta.

A campaña conta coa colaboración da libraría A Balea das Cores, que ofrece un desconto do 5% en libros e do 10% en xoguetes e xogos destinados ao programa.

A intención desta proposta en colaborar con familias en situacións de risco.