Regresa a feira taurina a Pontevedra cunha das revelacións da tempada, Tomás Rufo

Pontevedra
21 de xuño 2022

Os días 13 e 14 de agosto retómase a miniferia da Peregrina con dous carteis que veñen de colgar o 'non hai billetes' nas principais feiras de primavera

Responsables da empresa Hermanos Lozano xunto ao cartaz diseñado polo pintor Diego Ramos Mónica Patxot

É imposible contentar a toda a afección pero o certo é que despois de dous anos de porta pechada en San Roque, a praza de touros de Pontevedra pode dicir que reabre ao grande. Aínda que o resultado final dirao o público e o despacho de billetes, a priori os carteis presentados para os días 13 e 14 de agosto son palabras maiores.

O sábado 13 debutará unha das revelacións da tempada, o toledano Tomás Rufo, apoderado pola casa Lozano. Este ano proclamouse triunfador da feira da Madalena en Castelló, abría a Porta do Príncipe en Sevilla cortando tres orellas no seu debut na capital hispalense e aínda que Praza 1 declarou triunfador de San Isidro a Ángel Téllez, o Real Casino de Madrid - así como outros xurados taurinos - han elevado aos seus altares a Rufo cos seus fallos unánimes de triunfador.

Se acartela tamén a Julián López 'El Juli' que está a vivir unha intensa tempada, por compromisos e por resultados: porta grande en Castelló, Valladolid, Xerez, triunfador da feira de Sevilla e autor da mellor faena no ciclo isidril, segundo o Casino madrileño. Completando terna estará José María Manzanares quen tamén vén de pasearse aos ombreiros en citas como a de Olivenza, Castelló ou Valladolid, entre outras, aínda que sen iguais resultados en Madrid ou Sevilla. Sairán de chiqueros os touros do ferro salmantino de Garcigrande, declarada mellor gandería no ciclo de San Isidro, segundo o xurado de Praza 1. 

Para quen guste desas coincidencias que engaden aliciente ás tardes de touros, o cartel dese sábado 13 é o mesmo co que o pasado setembro Tomás Rufo tomaba a alternativa en Valladolid, cortando catro orellas ao seu lote e exercendo 'El Juli' de padriño e Manzanares de testemuña. Un cartel case idéntico ao da súa recente confirmación nas Ventas o pasado maio, cando abriu Porta Grande e onde exerceu de testemuña Talavante en lugar do destro alacantino.

Domingo 14

Para o domingo 14 a terna escollida lidará touros de Alcurrucén. O ferro dos Lozano chega este 2022 aos seus corenta anos con este nome e co encaste único de Núñez. José Antonio Morante será o veterano da tarde dominical. O de La Puebla está a protagonizar unha tempada para a que asinou máis dun centenar de festexos e segue elevando a potencia do seu concepto de tauromaquia. Cumpre vodas de prata nos ruedos desde a súa alternativa e estao facendo con rotundidade tal e como acreditan espectación, despachos de billetes, recoñecementos e crítica. 

Acompañaralle nesta cita taurina David Fandila 'El Fandi' que tamén ten o seu fito esta tempada. Vén a pasada fin de semana - e acompañado de Morante - de abrir a súa porta grande número cincuenta e fíxoo na súa terra, na feira do Corpus de Granada. Mal se lle ten que dar ante a afección pontevedresa para que, como fixo na súa última feira da Peregrina en 2019, non some outra saída aos ombreiros en San Roque. 

O abanico dominical - por estilos e por conceptos artísticos - completarao Andrés Roca Rey, que segue sendo outro dos alicientes que mobilizan ao público cara ás prazas. O peruano hai tempo que deixou de ser revelación, pero revélase á indeferencia nos tendidos e así segue incuestionable, pelexando polo primeiro posto no escalafón español.

"Con toda a categoría"

Despois de dous anos de seca taurina na cidade do Lérez, Irmáns Lozano retoma a feira de Pontevedra "con toda a categoría" sinalou José Luis Lozano, quen acompañou ao seu irmán Eduardo e o seu sobriño Pablo na presentación desta feira, cuxo cartel é obra do pintor Diego Ramos.

Os prezos en despacho de billetes seguen sen notar subida, segundo sinalaban os empresarios. A venda comezará o 18 de xullo para renovación abonos; a partir do 22 poderase sacar novos abonos e a venda de entradas comezará o 26. Ademais mantense unha bancada nova, para idades entre 12 e 24 anos, a un prezo de 15 euros.

Para completar a oferta taurina estival, os empresarios da praza de touros pontevedresa e a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra traballan para ofrecer un par de eventos taurinos máis na cidade; un no mes de xullo e outro en agosto, a fin de semana previa á feira, no que serán protagonistas novos afeccionados da cidade.