Reforzan o chan do parque infantil da Illa das Esculturas e arranxan os seus elementos de xogo

Pontevedra
06 de marzo 2021

Esta actuación incluirá a optimización das condicións de amortecemento do pavimento coa retirada da actual base e o incremento da súa densidade mediante a achega de máis dunha tonelada e media de áridos axeitados para estes parques

Renovación do parque infantil da Illa das Esculturas Concello de Pontevedra

O da Illa das Esculturas é o novo obxectivo dentro do programa de renovación dos parques infantís do municipio. O Concello investirá case 17.000 euros para deixar todo este equipamento en óptimas condicións de seguridade.

Esta actuación incluirá a optimización das condicións de amortecemento do pavimento coa retirada da actual base e o incremento da súa densidade mediante a achega de máis dunha tonelada e media de áridos axeitados para estes parques.

O reforzo do chan permitirá, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, mellorar a capacidade de absorción de impactos desde certa altura nun parque infantil con "algúns xogos que teñen algo de distancia co chan".

Os traballos, que está a executar a empresa Garocaprim, suporán a retirada de todas as madeiras danadas ou en mal estado e a súa substitución por pezas novas -ao igual que os parafusos-, a renovación dos elementos de corda dos xogos e o tratamento e lixado de toda a madeira, eliminando estelas e irregularidades que poidan resultar perigosas.

Ademais, tamén se lixarán e pintarán aqueles elementos decorativos que xa estaban pintados previamente, como tellados, mesas e tótems.

A previsión é que estas obras queden rematadas ao longo da vindeira semana.