Reforzan as medidas de desinfección e protección e o persoal do Príncipe Felipe

Pontevedra
01 de abril 2020

Carmela Silva participou este mércores na reunión do comité de seguimento específico de Príncipe Felipe e supervisou a adaptación dos protocolos do centro ás novas ordes ministeriais de Sanidade publicadas nos últimos días para os centros de servizios sociais e de carácter residencial

Comité de Seguimento específico de Príncipe Felipe Deputación Pontevedra

A Deputación Provincial reforzou as medidas xa adoptadas nas últimas semanas para preparar o centro Príncipe Felipe ante o avance do coronavirus. Así, acordouse reforzar as tarefas de desinfección e limpeza, incrementouse a carga de lavandería, e habilitáronse novos espazos médicos en Agarimo e na Escola Fogar para evitar traslados á enfermería do centro.

A institución tamén reforzou o persoal de Príncipe Felipe, coa contratación de catro persoas técnicas e outras dúas para labores de vixilancia.

Ademais, nos próximos días chegará ao recinto un novo reforzo de equipos EPI, que se engadirán aos xa existentes que están preparados para poder enfrontar calquera suposto dun posible contaxio no centro, que se trataría nos mini hospitais xa establecidos no recinto, así como de diverso material sanitario para a protección e seguridade do persoal e de menores residentes.

Precisamente este mércores coñeceuse o resultado negativo da proba de coronavirus dunha traballadora do centro que estaba en illamento preventivo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou este mércores na reunión do comité de seguimento específico de Príncipe Felipe e supervisou a adaptación dos protocolos do centro de menores ás novas ordes ministeriais de Sanidade para os centros de servizos sociais e de carácter residencial. 

No encontro deuse conta das medidas de prevención a aplicar no caso de que fose necesario dimensionar o centro, unha tarefa que, segundo Carmela Silva, se fixo "anticipándose ás previsións da evolución da crise sanitaria que, segundo informou a Xunta de Galicia, situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril".

Ademais, este mércores facilitáronse os datos de seguimento dos 50 nenas e nenos do centro de día que, desde que se decretou o estado de alarma, están a convivir coas súas familias.

Por iniciativa propia da Deputación, o persoal de Príncipe Felipe está a facer un seguimento telefónico diario de cada un. Amais, cada semana se lles achega persoalmente aos seus domicilios os kits diarios de alimentación, de hixiene, do subministro da medicación, e ás familias que non dispoñen de acceso a internet, o material escolar necesario.